Skip to main content

Traballo colabora cos axentes económicos e sociais no redeseño do Plan Galego de Formación Profesional

O director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, Pastor Fuenteseca, destacou en Portugal que o departamento que dirixe Ricardo Varela espera contar co apoio e opinión dos axentes económicos e sociais á hora de deseñar o Plan Galego de Formación Profesional, xa que “son os coñecedores últimos dos problemas e necesidades de formación de cada un dos sectores”.

Fuenteseca destacou que a elaboración do Plan Galego de Formación Profesional 2001-2006, e que polo tanto está chegando ao seu fin supuxo unha innovadora e salientable experiencia, necesaria para afrontar o futuro con novo impulso e enerxías renovadas. Este novo Plan será de valor igualmente estratéxico para a economía de Galicia. Para facilitar a súa participación creáronse Comités Provinciais de Emprego e o Comité Autonómico de Emprego, onde se fan propostas para unha mellora da planificación dos tres subsistemas de formación profesional.

Segundo sinalou o director xeral da Consellería de Traballo, tamén se contou coas Comisións Sectoriais de Cualificación e Formación Profesional, que teñen entre as súas funcións a de canalizar as demandas en materia de formación dos distintos sectores do noso tecido produtivo, de cara a mellora na programación dos cursos de Formación Profesional Ocupacional e Continua. Desta maneira poderán dar unha mellor resposta ás necesidades reais do tecido produtivo galego, funcionando así mesmo como órganos de corresponsabilización dos axentes sociais no referente á formación profesional.

Outro dos elementos clave á hora de planificar a formación é o apoio do Observatorio Ocupacional do Instituto Galego das Cualificacións, que “proporciona información a todos os órganos e profesionais relacionados co mundo da formación e o emprego sobre a evolución da demanda e da oferta das profesións, ocupacións e perfís existentes no merado de traballo galego”. Fuenteseca explicou que, “non hai que esquecer a importancia da orientación laboral dentro do sistema de cualificación e formación profesional, coa finalidade de informar sobre as oportunidades de acceso ao emprego e sobre as diversas ofertas de formación que faciliten a inserción laboral e a mobilidade profesional no mercado de traballo”.

Pastor Fuenteseca anunciou que outro dos frontes que a Consellería de Traballo ten abertos e nos que compre avanzar aínda máis é a potenciación dos centros integrados de formación, fomentar a calidade en todos os subsistemas, así como fomentar os proxectos de innovación e desenvolvemento no ámbito da formación.

Antes de rematar a súa intervención, o representante da Consellería de Traballo sinalou que “pese a todos os esforzos realizados, é necesario seguir traballando na mellora da formación e para iso contamos coas reflexións que se fagan neste Congreso”. Indicou que “os obxectivos dos actuais programas de formación e emprego no ámbito da Unión Europea, van encamiñados a contribuír, a través da aprendizaxe permanente, ao progreso da Comunidade, como sociedade avanzada do coñecemento, cun desenvolvemento económico sostible, máis e mellores postos de traballo e unha maior cohesión social”. Nese senso, proponse estimular o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas de educación e formación dentro da Comunidade, de modo que se convertan nunha referencia de calidade mundial.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia