Skip to main content

O presidente da Xunta avoga por reformar os modelos e estruturas do teatro galego para gañar eficiencia, máis presenza social en Galicia e maior difusión fóra

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou por acometer unha reforma de modelos e estruturas e “escasamente eficientes” en vigor na escea galega para lograr que a relación entre o teatro e a sociedade “sexa máis intensa, máis fluída, máis habitual e máis cualificada”. Para acadalo, Pérez Touriño amosou o seu desexo de que esta reforma se leve a cabo tendo en conta os profesionais do teatro, as compañías das que forman parte e as asociacións e colectivos nos que se agrupan.

Así o asegurou durante a súa intervención ante os participantes no XIII Congreso da Asociación de Directores de Escena de España (ADE), que se celebra estes días no Pazo de Mariñán (Bergondo). Tras salientar a calidade artísticas e profesional de moitas das producións teatrais galegas actuais –“parangonable á de calquera outra escena”- Pérez Touriño explicou que o Goberno autonómico acometerá un importante esforzo para converter a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia un centro “referencial”, xerador de profesionais ben formados e con amplas capacidades de emprego.

Así mesmo, sinalou que se está a traballar na mellora do funcionamento do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) e das unidades de produción del dependentes, así como no da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Neste labor, subliñou o presidente, contarase coas compañías e os profesionais, pois , agregou, sen o seu concurso e implicación activa sería complicado que as reformas foran máis alá dos papeis oficiais

O presidente valorou o traballo realizado en Bergondo pola ADE, facendo especial fincapé no debate sobre as bases dun proxecto de Lei de Teatro que está a elaborar a asociación. Finalmente, gabou o papel “esencial” desta asociación no artellamento do teatro profesional no conxunto de España e transmitiulles os parabéns pola organización do congreso.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia