Skip to main content

Educación e Política Lingüística convocan dez premios a proxectos de Innovación en Lingua Galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan dez premios a proxectos de innovación en lingua galega co fin de fomentar o respecto e recoñecemento da pluralidade de linguas e a capacitación do alumnado para a comunicación nesta lingua. A orde publicouse o venres 6 de outubro no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Os proxectos presentados deberán fomentar o galego oral, mediante a creación de novos ámbitos de uso que favorezan a utilización da lingua dentro e fóra das aulas; así como o achegamento á lingua e o coñecemento da realidade sociocultural galega por parte da poboación inmigrante. Os traballos tamén poderán incentivar o uso da lingua galega nas entidades culturais, asociativas, recreativas e deportivas, así como nas empresas locais.

Os dous departamentos investirán un total de 20.000 euros nestes premios. Cada proxecto galardoado recibirá 2.000 euros; formación e asesoramento para o profesorado do centro; e a difusión da experiencia a través da rede, así como a publicación dos materiais educativos producidos.

Poderán participar nesta convocatoria os centros de titularidade pública que desenvolvan os proxectos presentados no curso académico 2006-2007. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir da súa publicación no DOG.

Un dos criterios que se terán en conta á hora de realizar a avaliación dos proxectos é o seu interese educativo, e en concreto, o seu carácter innovador; a súa adecuación ao Plan xeral de normalización lingüística; o fomento dos valores democráticos ou o tratamento da diversidade. Así mesmo, valorarase a viabilidade do proxecto, en termos de utilización de recursos, garantía de continuidade do traballo, ou o compromiso do profesorado coa lingua galega.

Garantir o uso e coñecemento da lingua galega

A través desta iniciativa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística fomentan o respecto e recoñecemento da pluralidade lingüística e cultural de España e da interculturalidade como un elemento enriquecedor da sociedade, así como a capacitación do alumnado para a comunicación en lingua oficial.

Os premios de innovación lingüística intégranse na liña de accións que estes dous departamentos están a executar coa fin de garantir o cumprimento da Lei de normalización lingüística no sistema educativo galego. A norma contempla que os poderes públicos deben garantir a todo o alumnado a súa capacitación na utilización das dúas linguas oficiais ao remate do ensino obrigatorio. Deste xeito, para acadar esta meta resulta imprescindible desenvolver actitudes positivas cara ao seu emprego, así como habilitar outras medidas que favorezan o seu uso oral e escrito dentro e fóra das aulas.

Este obxectivos están en consonancia co Plan xeral de normalización da lingua galega, que sinala a necesidade de asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
Gabinete da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia