Skip to main content

Cultura recupera nunha poxa unha importante obra do pintor ferrolán Jenaro Pérez Villaamil

Unha importante obra do pintor ferrolán Jenaro Pérez Villaamil poderá verse de forma definitiva en Galiza. A Consellaría de Cultura e Deporte puxou até 165.000 euros na casa Durán, en Madrid, para poder adquirir A Catedral de Saint Jacques le Mineur, Liexa, mostra do paisaxismo galego e español do século XIX. A obra pasará a formar parte dos fondos do Museo de Belas Artes da Coruña

A adquisición desta obra mellorará a colección permanente do Museo pola importancia do seu autor e pola calidade artística da mesma. Asinada e datada en París en 1846, A Catedral de Saint Jacques le Mineur, Liexa realmente foi xestada por Jenaro Pérez Villaamil catro anos antes, logo dunha longa viaxe por Francia e Bélxica.

O cadro é un magnífico exemplo dun xénero moi concreto como foi o de interiores de igrexas, que xa adquirira un gran auxe desde a pintura holandesa do século XVII, e que Villaamil practica con certa asiduidade. A obra logra captar a inmensidade arquitectónica propia das catedrais góticas e presenta un interesante manexo da luz e o seu contraste coas sombras. Ademais, nela faise patente a influenza da pintura inglesa, concretamente a de David Roberts.

Jenaro Pérez Villaamil (nado en Ferrol en 1807) é o mellor paisaxista do Romantismo español, poñendo de moda a pintura da paisaxe na España do século XIX. En 1835 acadou a cátedra de paisaxe na Escola de San Fernando, da que foi director en 1845. Relacionouse coa raíña española Isabel II e chegou a ser pintor de cámara. As súas paisaxes caracterízanse por un tamiz dourado que outorga un aspecto romántico á composición, o emprego de figuriñas para dar maior vitalidade ao conxunto e o recurso dunha ampla perspectiva. No cumio da súa fama, Villaamil faleceu en Madrid en 1854 aos 47 anos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia