Skip to main content

Quintana destaca o labor de Lugrís Freire na defensa da fala galega, a identidade e a soberanía nacional

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou a “apaixonada defensa” feita polo académico Manuel Lugrís Freire ao longo da súa vida “do dereito dos galegos e galegas a expresarse na súa lingua” e o seu traballo incansable “a prol da identidade nacional e da súa soberanía”. Quintana pronunciaba estas palabras no acto de conmemoración do primeiro discurso político en galego pronunciado por Manuel Lugrís Freire o 6 de outubro de 1907, en Betanzos e que se celebrou na vila betanceira.

Quintana referiuse a Manuel Lugrís como “mestre da fala” e asegurou que “ninguén de nós é quen de igualar as súas virtudes oratorias”. O vicepresidente sinalou que nun momento determinante para a nosa lingua como o actual, “no que coexiste certo ritualismo institucional no seu emprego coa perda de espazo social”, debemos ser fieis ao “labor insubornable de xente xenerosa” como Manuel Lugrís.

No seu discurso, Anxo Quintana, sinalou que a vida de Lugrís “auténtico irmandiño” é “a encarnación da evolución sosegada do primeiro galeguismo” e loubou o seu esforzo por desenvolver “unha acción social, cultural e política tan vizosa e renovadora naqueles tempos de grande adversidade”.

Recoñecer o galego

Antes da súa intervención, Anxo Quintana recoñeceu en declaracións aos medios de comunicación que o idioma galego ten problemas e “non podemos seguir dicindo que non pasa nada co galego, que todo vai ben”. Para o vicepresidente da Xunta hoxe en día “estamos inmersos no ritual institucional do utilización do galego mentres o idioma perde peso socialmente”, por iso, fixo referencia á importancia de traballar para cambiar esa tendencia e procurar usar o galego en todos os eidos da vida. Neste senso reiterou o compromiso do Goberno galego coa defensa e a promoción do idioma galego. “Non hai nada bo que se poida facer nesta vida que non se poida facer en galego”, sentenciou Quintana, quen lembrou que esta foi a máxima que nos deixou en herdanza Lugrís Freire.

Mestre da fala

No decurso do acto, o vicepresidente da Xunta fixo un repaso da biografía do “mestre da fala”, unha biografía que describiu como “a metáfora dun dos períodos mais fermosos e ilusionantes da nosa historia como é o da Galiza galeguista”. Lugrís, sinalou, naceu cos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e finou no 1940, primeiro ano triunfal do golpe franquista, que xa enterrara o soño daquela xeración de homes, segundo Quintana, chamada a ser “a máis determinante da nosa existencia como pobo”. O vicepresidente lembrou que con 25 anos, Lugrís fundou na Habana A Gaita Gallega, primeiro xornal da emigración publicado na nosa lingua, fundou a Escola de Declamación, fito precursor do teatro galego e en galego e participou na publicación de A Nosa Terra. Escribiu ademais a primeira gramática en lingua galega e foi un dos fundadores da Real Academia Galega, de Solidaridad Gallega, das Irmandades da Fala, do ORGA, do Partido Galeguista e un dos redactores do Estatuto de Autonomía do 1936.

Ao longo da súa vida, dixo Quintana, Lugrís compaxinou “o labor culturalista máis xenuíno, nas iniciativas civís e nas das institucións da nosa cultura, co labor de mobilización e o activismo propagandista na que salientou como un afervoado e engaiolante orador”. Púxose ao servizo de Galiza na emigración e entregouse con igual paixón á construción do ideal galeguista de volta á terra. O vicepresidente destacou ademais, no seu discurso, o labor de Lugrís á hora de definir a identidade nacional do noso país, de normalizar a súa cultura e de dotar aos galegos e galegas de capacidade de decisión soberana.

Para Quintana, o compromiso de Lugrís non foi “un compromiso teórico, elitista e afastado do pobo, senón que reivindicou publicamente o dereito a empregar con normalidade en todos os ámbitos unha lingua que segundo el, falaban cinco sextas partes da poboación”. O vicepresidente tamén destacou a súa implicación á hora de promover o uso do galego nas escolas rurais así como na loita dos labregos para acceder á propiedade das terras que traballaban combatendo o caciquismo. Pulou ademais por acadar o autogoberno que posibilitaría a Galiza, segundo dixo o mesmo Lugrís, “unha cumprida e vizosa existencia de seu que lle permita o desenvolvemento de todas as súas forzas efectivas”.

Despois de ler os versos que Lugrís compuxo como himno para as Irmandades da Fala, Quintana avogou por non esquecer a obriga que “como nación temos contraída con personalidades como a do propio Manuel Lugrís, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, Castelao ou outros tantos que co seu compromiso modelaron unha Galiza máis avanzada”.

O acto organizado pola Real Academia Galega, contou tamén coa asistencia da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, con integrantes da Real Academia Galega, co seu presidente á cabeza, Xosé Ramón Barreiro Fernández e con membros da corporación municipal de Betanzos.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia