Skip to main content

Traballo aposta polos centros especiais de emprego como vía de acceso ao mercado de traballo

A Consellería de Traballo, na súa aposta por conseguir un mercado laboral accesible, inclusivo e de calidade, porá en marcha unha serie de medidas de acción positiva para acadar a integración laboral das persoas pertencentes aos colectivos máis desfavorecidos, entre eles os discapacitados. O presuposto destinado ao desenvolvemento das accións de inserción laboral das persoas con discapacidade a través dos Centros Especiais de Emprego, Traballo destina 6.600.000 euros.

Así, fomentarase o emprego protexido mediante o programa de Integración Laboral das persoas con discapacidade en Centros Especiais de Emprego. Apostase por estas fórmulas xa que constitúen unha primeira aproximación ao mercado laboral para moitas persoas con discapacidade, incluso nos casos máis severos, son a súa principal posibilidade de incorporación ao mesmo xa que desenvolven unha actividade productiva, participando con regularidade no mercado productivo. Unha dobre condición que debe darse neste tipo de centros, é a creación do emprego adaptado aos condicionantes e capacidades dos traballadores, mediante proxectos empresariais que sexan viables técnica, económica e financeiramente, sen esquecer que o obxectivo final é a súa integración nunha empresa ordinaria.

Sen embargo, non debe esquecerse que o obxectivo final da integración laboral das persoas con discapacidade é a súa integración na empresa ordinaria. Neste obxectivo, os centros especiais de emprego, como formulas de adaptación e tránsito de cara ao mercado ordinario de traballo, ten un apoio coa figura dos enclaves laborais e co cumprimento alternativo, con carácter excepcional, da cota de reserva do 2% en favor dos traballadores con discapacidade nas empresas de mais de 50 traballadores. E ao mesmo tempo, ambas formulas posibilitan o crecemento da actividade desenvolvida polos centros especiais de emprego.

Dentro deste programa establécense dous tipos de axudas aos centros, por unha banda ao mantemento dos centros e por outra a proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal, mediante subvencións de ata 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido.

Na actualidade, Galicia conta con case cen centros especiais de emprego, distribuídos polas catro provincias galegas, de tal xeito que A Coruña conta con 53 centros, Pontevedra rexistra 25 entidades, Lugo 15 e Ourense 6. A súa labor na integración laboral dos discapacitados está avalada polas cifras xa que Traballo apoia o mantemento de arredor de 1.400 postos de traballo nestes centros, dos cales o 94% son de carácter indefinido.

As accións que se levarán a cabo a través destes programas teñen unha dobre finalidade: adoptar medidas de acción positiva dende a Administración e concienciar e implicar a toda a sociedade no obxectivo da integración real das persoas con discapacidade.

Traballo considera que o mellor medio para lograr a plena integración social das persoas con discapacidade é o acceso a un emprego normalizado e en condicións de estabilidade. Por iso as actuacións para a promoción dese emprego oriéntase en torno a tres liñas básicas: impulsar a súa incorporación ao sistema de traballo, potenciar a capacidade do autoemprego, e promover o emprego protexido nos centros especiais de emprego, polo que cada unha destas accións está contemplada nun programa específico.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia