Skip to main content

Touriño e Areces comprometen que a autovía do Cantábrico estará finalizada en 2009

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, e o seu homólogo asturiano, Vicente Álvarez Areces, comprometeron que a Autovía do Cantábrico estará finalizada no ano 2009. Desde Taramundi, a onde se desprazou Touriño para conmemorar o Día Internacional da Muller Rural, salientou que os Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano destinarán para a execución desta infraestrutura en ambas as comunidades un total de 165 millóns de euros, dos cales 72 corresponden aos treitos galegos.

En concreto, o xefe do Executivo galego manifestou que dos 14 treitos nos que se divide a A-8 ao seu paso por Galicia, un total de 6 están xa en obra (Ribadeo-Reinante-Barreiros-Vilamar e Vilaba-Regovide-Abeledo-Baamonde), 5 están licitados (Vilamar-Lourenzá-Mondoñedo e Abadín-Castromaior-Touzas-Vilalba)) e os 3 treitos pendentes pola dificultade técnica que entraña o seu paso por Mondoñedo estarán licitados antes de fin de ano (Mondoñedo-Lindín-Careira e Careira-Abadín) “O importante e fundamental e que en 2006, como comprometemos, estará todo licitado ou en obra. En Galicia, a actuación cumprirase ao 100 por cento e en 2007 estará todo en obra”, destacou Touriño.

Forte pulo do Goberno Central

Segundo explicou o xefe do Executivo autonómico, a Autovía do Cantábrico constituirá “a liña medular” de conexión de Asturias e Galicia con España e Europa. Así, salientou que o cumprimento dos obxectivos trazados no Cumio Galaico-Asturiano do pasado xaneiro será posible grazas ao “moi forte pulo” realizado polo Goberno Central, que para o vindeiro ano consignará 165 millóns de euros á realización desta infraestrutura nos tramos galegos e asturianos.

Respecto da mellora da conexión interior entre Galicia e Asturias, Emilio Pérez Touriño indicou que ata 2008 Galicia investirá 30 millóns de euros co obxectivo de desenvolver as conexións da Fonsagrada con Santalla de Oscos e Grandas de Saline; Pontenova-Taramundi; Becerreá-Navia de Suarna e Vilalba-Meira. A este respecto, o xefe do Executivo galego indicou que se están cumprindo os obxectivos trazados en xaneiro e incluso adiantando os prazos e subliñou que ao remate destas actuacións se producirá “un salto cualitativo na unión de ambas as comunidades a través da montaña”.

Tratamento integral da ría de Ribadeo

En terceiro lugar, o presidente da Xunta fixo fincapé no proxecto de tratamento integral para a ría de Ribadeo. A este respecto, indicou que se atopa moi avanzado o estudo que se está a acometer desde os institutos para a biodiversidade de ambas as administracións en colaboracións coas universidades de Santiago de Compostela e de Oviedo. O presidente da Xunta indicou que se buscará a máxima protección e cualificación para a ría.

Finalmente, o xefe do Executivo quixo amosar o agradecemento do Goberno que dirixe e de toda a sociedade galega polo esforzo de solidariedade realizado desde o Executivo asturiano e desde a sociedade civil desta Comunidade durante a vaga de incendios que sufriu Galicia o pasado mes de agosto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia