Skip to main content

Vicepresidencia destina máis de 7,1 millóns de euros para aumentar a oferta pública de prazas en residencias para persoas dependentes

A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, e o director Xeral de Acción Social, Bieito Seara, presentaron en Santiago os avances no relativo a prazas concertadas en centros residenciais en Galiza. O esforzo realizado pola Vicepresidencia da Xunta fixo posible o incremento das prazas concertadas na comunidade, ás que hai que sumarlle agora un total de 400 novas prazas en centros residenciais para persoas maiores en situación de dependencia, un incremento de prazas que suporá un investimento de máis de 7,1 millóns de euros entre 2006 e 2007. Este significativo incremento no número de prazas en centros residencias pon de manifesto o compromiso do departamento que dirixe Anxo Quintana, que traballa para ampliar a rede de servizos sociais ás persoas maiores.

O obxectivo deste novo aumento das prazas concertadas é achegarse á ratio recomendada polo Plan Xerontolóxico, que fixa en 1,4 o número de prazas públicas en residencias por cada 100 persoas maiores de 65 anos e que en Galiza sitúase no 0,89. Ademais, coa creación destas 400 novas prazas preténdese achegar os recursos residenciais a todos os cidadáns, superando os desequilibrios territoriais e favorecendo a permanencia das persoas maiores no contorno que lles é propio. Segundo salientou Bieito Seara, este novo avance supón que todas as comarcas galegas dispoñan xa de algunha praza pública en residencias para persoas maiores. Ademais, o director xeral de Acción Social destacou a transparencia deste proceso de adxudicación de prazas, xa que se trata da primeira vez que se realiza un concurso público para este tipo de iniciativa.

As 400 novas prazas públicas concertadas repártense por distintas comarcas de toda a xeografía galega, seleccionadas en función das áreas con maior impacto comarcal e segundo as necesidades de atención da poboación. Así, un total de 153 novas prazas sitúanse en sete comarcas da provincia da Coruña; outras 67 novas prazas creáronse en seis comarcas de Lugo; 93 prazas novas en centros residenciais corresponden a oito comarcas de Ourense; e 87 prazas máis sitúanse en catro comarcas pontevedresas. Todas as prazas foron licitadas a través de concurso público con entidades de servizos sociais.

Atención por comarcas

A secretaria xeral do Benestar e o director xeral de Acción Social deron a coñecer as comarcas que se benefician deste incremento do número de prazas concertadas. Así, na provincia da Coruña creáronse na comarca de Arzúa 30 novas prazas; 16 prazas en Bergantiños; 40 prazas na comarca da Coruña; 29 prazas en Ferrol; 7 novas prazas en Noia; 9 prazas na comarca de Ortegal; e 22 prazas novas na comarca de Santiago. A maiores, a Vicepresidencia da Xunta sacou a licitación varias prazas para as comarcas de Betanzos e Ordes que quedaron vacantes por non terse presentado ningunha entidade licitadora, polo que foron distribuídas entre as comarcas limítrofes ou máis próximas.

Na provincia de Lugo a Vicepresidencia da Xunta concertou 8 novas prazas residenciais na comarca de Chantada; 6 prazas en Lugo; 11 prazas novas na comarca da Mariña Central; 12 prazas na Mariña Occidental; 18 novas prazas na Terra Cha; e 12 prazas na comarca de Terra de Lemos. Tamén se saíron a licitación prazas para dar cobertura á comarca da Mariña Oriental, que tiveron que ser distribuídas entre as comarcas máis próximas debido a que na propia Mariña Oriental non se presentou ao concurso ningunha entidade licitadora.

En Ourense creáronse 10 novas prazas concertadas na comarca Allariz-Maceda; 11 prazas no Carballiño; 15 novas prazas na Limia; 6 prazas na comarca de Ourense; outras 6 prazas no Ribeiro; 25 prazas novas na comarca Terras de Celanova; dúas prazas en Terra de Trives; e 18 prazas en Valdeorras. Tamén nesta provincia quedaron vacantes prazas para a comarca de Verín, que foron redistribuídas en comarcas máis próximas. Xa na provincia de Pontevedra, a Vicepresidencia da Xunta sumou 16 novas prazas concertadas na comarca do Deza; 6 prazas na Paradanta; 24 novas prazas na comarca de Pontevedra; e 41 prazas novas na comarca de Vigo. Neste caso quedaron vacantes as prazas das comarcas do Baixo Miño, Caldas e O Condado, que tiveron que ser redistribuídas polas comarcas limítrofes ou máis próximas.

Prazas residenciais en Galiza

Segundo explicaron María Xesús Lago e Bieito Seara, este incremento fai que Galiza pase a dispoñer dun total de 5.590 prazas públicas en residencias, o que supón 0,95 prazas públicas por cada 100 persoas maiores de 65 anos de idade, superando así a cifra anterior, de 0,89 prazas públicas por cada 100 maiores. Deste xeito Galiza da un paso máis para achegarse á ratio de prazas recomendada polo Plan Xerontolóxico e reduce o déficit de prazas públicas. Por provincias, A Coruña conta na actualidade con 1.755 prazas residenciais, mentres que Lugo dispón de 1.077 prazas. As provincias de Ourense e Pontevedra contan con 1.116 e 1.642 prazas públicas en residencias, respectivamente.

A secretaria xeral do Benestar fixo tamén referencia ao descenso rexistrado nas listas de espera para acceder a unha praza residencial pública, que baixou en máis de mil persoas neste último ano. Así, actualmente hai 2.800 persoas en listas de espera para entrar nun centro, fronte ás 3.900 persoas que esperaban unha praza o pasado ano. Este descenso debeuse, ademais de aos movementos naturais nas listas, a unha importante creación de prazas residenciais realizada pola Vicepresidencia da Xunta.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia