Skip to main content

Fernando X. Blanco: a enerxía das ondas presenta en Galicia un potencial moi superior ao resto das modalidades enerxéticas

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco, o director-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar –CETMAR-, Manuel Varela Lafuente, e o administrador da empresa Pipo Systems, Abel Cucurella Ripoll, asinaron un convenio de colaboración para a realización de accións destinadas ao desenvolvemento de tecnoloxías relacionadas co aproveitamento da enerxía das ondas do mar. O resultado da iniciativa será o deseño e a construción dun prototipo de verificación por parte de Pipo Systems, que permita probar a eficacia dos avances conseguidos neste campo. A infraestrutura instalarase nalgún punto da costa galega, a concretar polo CETMAR, e asumirá, entre outras funcións, o estudo de predición de ondas, análise batimétrica, afeccións e usos de zonas protexidas.

UN SECTOR RELEVANTE PARA O DESENVOLVEMENTO DA ECONOMÍA GALEGA

Na súa intervención, Fernando X. Blanco subliñou que unha das prioridades do departamento que dirixe é a mellora da calidade da I+D+i que se desenvolve en Galiza, para o cal, segundo afirmou, “é preciso impulsar as áreas científico-tecnolóxicas que teñen maior importancia para os sectores económico e social galegos”. Neste contexto atópase o aproveitamento da enerxía do mar, un sector aínda en proceso de investigación –segundo os datos que manexa o Instituto Enerxético de Galiza-, pero que, segundo Fernando X. Blanco, “posúe diversos sistemas que, aínda que non acadaron a suficiente madurez tecnolóxica, xa comezaron a dar resultados moi prometedores”. O Conselleiro de Innovación e Industria afirmou que, no caso de Galiza, “a enerxía das ondas do mar presenta un potencial moi superior ao resto das modalidades enerxéticas”, e que o interese desta fonte motivou a realización de diversos estudos ao respecto no país, “coa finalidade de analizar a posibilidade de implantar, de forma experimental, algún destes sistemas nalgunha zona das costas galegas”. De feito, o aproveitamento enerxético das ondas do mar constitúe unha acción estratéxica dentro da política de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria e este convenio supón un primeiro paso neste senso. Neste punto, Fernando X. Blanco calificou este convenio de colaboración como “unha clara aposta por unha xestión eficaz dos recursos enerxéticos, factor clave para conseguir o desenvolvemento económico e social dun país”.

O convenio enmárcase nun proxecto científico-tecnolóxico singular e de carácter estratéxico –PSE Mar-, no que xa están a participar activamente CETMAR e Pipo Systems, e no que interveñen tamén axentes de diferentes partes de España, relacionado co desenvolvemento tecnolóxico de sistemas e equipos de captación e transformación de enerxía das ondas do mar a partir de patentes e tecnoloxía españolas. O obxectivo é desenvolver unha infraestrutura de experimentación desa enerxía que permita probar a eficacia dos avances conseguidos neste campo. Concretamente, e dentro do proxecto PSE Mar, a colaboración entre CETMAR e Pipo Systems desenvólvese nun subproxecto que estuda o desenvolvemento tecnolóxico dun sistema de múltiple captación e transformación complementada de enerxía a partir das ondas do mar.

ANÁLISE DOS PUNTOS DA COSTA GALEGA NOS QUE INSTALAR O PROTOTIPO

O custo total deste subproxecto supera o millón de euros –1.015.434 euros-, dos que a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, aportará 500 mil.

No marco do convenio, o CETMAR asumirá a coordinación xeral e a planificación das actividades que van desenvolver os axentes participantes, así como a identificación dos principais elementos do marco legal e o deseño da ruta xurídico-administrativa para a obtención de licencias para as probas experimentais. Así mesmo, o centro fará unha primeira aproximación aos estudos e prospeccións. Neste punto, levará adiante unha investigación oceanográfica e topográfica acerca das condicións marítimas da zona, así como unha análise dos posibles puntos da costa galega nos que se podería instalar o prototipo de cara ao estudo de predición de ondas, análise batimétrica, afeccións e usos e zonas protexidas. Tamén levarán adiante unha análise do impacto ambiental, así como un estudo da repercusión no ámbito tecnolóxico e socio-económico da realidade galega.

Para acadar estes obxectivos, o CETMAR coordinará un equipo de traballo pluridisciplinar que permita a execución do proxecto coa implicación dos axentes de investigación en Galicia. Tamén desenvolverá diferentes tarefas do proxecto nos eidos administrativo, socioeconómico, xurídico, oceanográfico e medioambiental, e colaborará co tecido científico galego, especialmente coas Universidades de Vigo e A Coruña.

O investimento das accións a realizar polo CETMAR supera os 70 mil euros –71.184 euros-, para o que a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, concede unha subvención do 63%, o que supón un máximo de 45 mil euros.

UN SISTEMA CAPAZ DE CAPTAR AS TRES FORMAS DE ENERXÍA DAS ONDAS

A empresa Pipo Systems é unha compañía que orienta a súa actividade á prospección industrial do potencial enerxético das ondas do mar. No marco do convenio, Pipo Systems encargarase da fase de verificación do sistema, que ten como resultado previsto o desenvolvemento de todos os traballos necesarios para a construción dun prototipo de verificación. Isto comprenderá dende as tarefas de deseño e cálculo das estruturas e materiais, até o aprovisionamento de materiais, a construción física do artefacto a escala 1:16 e, finalmente, a súa proba en canle de experimentación. Os resultados das probas permitirán a revisión dos modelos de cálculo deseñados e a incorporación de conclusións ás memorias técnicas do sistema para o escalado posterior.

A infraestrutura que vai desenvolver Pypo Systems chámase “Pisys”. Trátase do primeiro sistema de enerxía das ondas do mar con captación múltiple –é o único sistema capaz de captar as tres formas de enerxía presentes no paso de cada onda do mar: empuxe, diferencial de presións e enerxía cinética- e transformación complementada. A compañía comezou a traballar neste prototipo no ano 2002, contando para iso coa colaboración do CETMAR e co apoio do Ministerio de Educación e Ciencia e da Consellería de Innovación e Industria. Así mesmo, a plataforma poderá asumir outras aplicacións como a desalación de auga marina e a produción de hidróxeno.

O investimento correspondente a estas accións ascende a 944.250 euros, para o que a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i concede unha subvención do 48%, o que supón un máximo de 455 mil euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia