Skip to main content

Igualdade financiará con 10.000 euros a construción dunha escola infantil nun campamento de refuxiados no Sáhara

A secretaría xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta, Carme Adán e o presidente da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Bernardo Porto, asinaron en Santiago un convenio de colaboración para a creación dun centro de atención á primeira infancia nos campamentos de refuxiados saharauis de Wilaya de Auser.

Igualdade financiará con 10.000 euros -con cargo aos orzamentos do 2006- a posta en marcha deste centro que servirá tanto para a atención dos nenos e nenas destes campamentos como para desenvolver unha escola de nais e pais. Deste xeito, preténdese facilitar aos proxenitores nocións básicas de hixiene, alimentación e interacción cos seus fillos e fillas.

O convenio asinado enmárcase dentro dun proxecto de colaboración máis amplo que Igualdade está levando a cabo co pobo saharaui coa finalidade de contribuír a mellorar a situación económica, social e cultural da muller no Sáhara.De feito, a semana pasada o SGI asinou outros convenios, tamén coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, por un importe de 15.000 euros. Mediante estes convenios rehabilitarase e porase en marcha a sede da Unión Nacional de Mulleres Saharauis, realizaranse cursos de formación para mulleres e organizarase un taller audiovisual contra o esquecemento, no centro da mártir Naacha Ali Brahim para a información e a cultura.

Escola infantil de Brión

A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, asinou tamén un convenio de colaboración co alcalde de Brión, José Luís García para financiar a ampliación da escola infantil deste concello. Deste xeito, o número de prazas da escola infantil pasará das 54 actuais a 72, é dicir, a escola contará con 18 novas prazas.
Vicepresidencia aporta para estas obras, 49.712 euros, o 80% do presuposto total dos traballos, que é de 62.140 euros.

Esta escola incluirase na Rede Galega de Escolas Infantís, Galescola e participará dos plans e proxectos de mellora da calidade que se desenvolvan.Integrarase, ademais, no Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, organismo co que se pretende levar a cabo unha xestión máis eficaz e integral dos centros que permita a definición dun marco axeitado para a atención, educación e formación da primeira infancia e da prestación de servizos ás familias galegas.

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA VICEPRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia