Skip to main content

Touriño destaca que Galicia posúe máis orzamentos e maior capacidade de xestión que cando gobernaba o Partido Popular

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou no hemiciclo autonómico que Galicia posúe “mellor orzamento” e “maior capacidade de xestión dese orzamento” que cando gobernaba o Partido Popular. O presidente galego acusou ao partido da oposición de xerar “alarma, desconfianza e incertidume” en relación aos Orzamentos Xerais do Estado para Galicia de 2007 e destacou que “estamos diante dos maiores orzamentos do Estado para Galicia da historia”, xa que o investimento territorializable acada os 1.722 millóns de euros, o que supón o 8 por cento do total e un incremento, con respecto ao ano anterior, do 13 por cento.

Neste sentido, Touriño completou os datos sinalando que a licitación do Estado en Galicia entre xaneiro e agosto de 2006 supera nun 300 por cento a realizada en 2001; nun 166 por cento a de 2002; nun 92 por cento a de 2003; en un 50 por cento a de 2005. Paralelamente, os datos autonómicos amosan un crecemento similar neste apartado, xa que se superou neste período nun 28 por cento a licitación de 2004 en un 30 por cento a de 2003.

O presidente do Goberno galego acusou o Partido Popular de “comportamento desleal” porque cando goberna –segundo asegurou- “infla a burbulla”. Esta “auténtica campaña de pelotazo electoral”, que Touriño amosou graficamente aos membros da Cámara, “non ten nada que ver coa execución orzamentaria, cos orzamentos e coa licitación de obra pública en anos normais”, nos que non hai eleccións.

Pérez Touriño valorou ademais o compromiso do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero con Galicia por ser un esforzo “sostido no tempo” e “moi importante” que permitirá que a Comunidade Autónoma poida “manter unha axenda real e estable de crecemento, de converxencia e de superación” co obxecto de “comezar a corrixir o défice acumulado na comunidade”.

Neste sentido, o presidente da Xunta indicou que no período 2005-2007, invístense de media en Galicia 1.483 millóns de euros, fronte aos 693 que se investían no período 2000-2004, cando gobernaba en España o Partido Popular. “En tan curto espazo de tempo máis que duplicamos o investimento e o esforzo orzamentario, en relación coa súa herdanza”, apostilou Touriño. Estes datos permiten, segundo o máximo mandatario autonómico, que o investimento per cápita para cada galego se sitúe 28,5 puntos por riba da media.

Así mesmo, segundo Touriño, a consecución destas cifras cobra especial relevancia cando se produce desde o Goberno despois de telas reclamado desde a oposición. “Cabe pensar –dixo Touriño a Feijóo- que a súa actitude era meramente oportunista porque cando estaba no Goberno non facía aquelo que agora reclama desde a oposición”. Así, acusou ao voceiro popular de manter unha actitude “baleira, oca e banal” porque “sabe perfectamente que non ten a responsabilidade, nin aspira a tela en moito tempo, de gobernar este país”.

Por outra banda, o presidente do Goberno galego indicou que o Consello da Xunta aprobará os Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para o vindeiro ano. “É importante que vaian asimilando que hai diálogo, que hai maioría parlamentaria e o que pasa e que vostede se illan, quedan sos”, dixo Touriño referíndose ao PP. A este respecto, lembrou que o PP parece non ser consciente de que as eleccións do 14 de marzo de 2004 impulsaron unha nova maioría parlamentaria en España e as do 19 de xuño de 2005 fixeron o propio en Galicia.

Esta nova maioría parlamentaria posibilitou, segundo Touriño, que exista un novo plan –o Plan Estratéxico de Infraestruturas de Transporte- que “consolida, amplía e mellora” as planificacións existentes. Paralelamente, anunciou que se traballa no plan de infraestruturas de Galicia de 2007.

Neste sentido, apuntou que para o ano que vén estarán en obras todos os tramos da Autovía do Cantábrico e que esta infraestrutura estará operativa en 2009. Así mesmo, en 2010 o Eixo Atlántico de de Alta Velocidade estará funcionando en todo o seu percorrido e a liña de Alta Velocidade coa Meseta será operativa en máis dun 80 por cento.

Por iso, destacou que as apreciacións do Partido Popular arredor da execución de obra en Galicia son enganosas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia