Skip to main content

O Goberno terá en conta as conclusións do Consello das Comunidades Galegas para elaborar a reforma da lei de Galeguidade e do Estatuto de Autonomía

A reforma da Lei de Galeguidade recollerá as conclusións do VIII Consello das Comunidades Galegas celebrado o pasado mes de agosto en Santiago. Así o afirmou hoxe o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, durante unha comparecencia no Parlamento para responder a unha pregunta oral sobre a valoración do Goberno galego das resolucións aprobadas por este Consello que segundo dixo son “vinculantes” para o Executivo e, polo tanto, serán correspondidas con feitos e resultados.

O titular de Presidencia explicou que na última convocatoria do VIII Consello de Comunidades Galegas, o Goberno galego, en concreto a Secretaría Xeral de Emigración, quixo dotar de “auténtico sentido e de auténtico contido” as funcións que ten atribuídas este órgano representativo da emigración galega. Deste xeito, o labor principal do Consello foi o estudo, debate e análise de dúas cuestións de “capital importancia” para os galegos e galegas residentes no exterior e para os centros e comunidades galegas: o Estatuto de Autonomía de Galicia e o estudo da reforma da Lei de Galeguidade.

Romeu cualificou de “acertada” a última edición deste Consello á vista das conclusións que presentou ao Consello da Xunta que amosan a reflexión e serenidade coa que se abordou un debate “necesario e oportuno” e que amosan, sobre todo, que os propios representantes dos centros e comunidades galegas queren “adaptarse aos novos tempos e queren participar activamente na vida política, social e cultural do país”. Por iso, segundo asegurou o conselleiro, o proxecto para a reforma da Lei de Galeguidade, que se presentará a comezos do vindeiro 2007 no Parlamento, recollerá as indicacións e suxerencias do Consello.

Ademais o titular de Presidencia avanzou que “a galeguidade, en canto atribución universal aos homes e mulleres fóra de Galicia, recoñecerá a aquelas comunidades galegas incorporadas ao movemento asociativo dos galegos, en calquera parte do mundo no que se atopen”. Asemade, engadiu Romeu, a Xunta de Galicia ten previsto conceder o recoñecemento oficial preciso a aqueles centros centenarios que albergan “un valioso patrimonio que debe ser protexido e sobre todo posto en valor”. Este recoñecemento verase reflectido tanto na reforma da Lei de Galeguidade como no Estatuto de Autonomía de Galicia que outorgará á emigración galega o tratamento e o papel que se merecen tanto no preámbulo como no propio articulado.

En opinión do conselleiro, “nunca a emigración galega tivo a oportunidade de expresar por mecanismos oficiais a súa vontade, as dúas demandas e o seu sentir”, un feito derivado do labor dos membros do VIII Consello das Comunidades Galegas que “estiveron á altura das circunstancias nun momento histórico, pola propia conmemoración do 50 Aniversario do I Congreso da Emigración Galega”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia