Skip to main content

Os presupostos galegos para 2007 recollen o obxectivo de crear 35.000 empregos e reducir a taxa de paro en tres décimas

Os Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para 2007 impulsarán a creación de emprego e as políticas vinculadas á formación dos traballadores co obxectivo de crear máis e mellores empregos. Así o aseguróu o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, tras reunirse cos representantes dos sindicatos aos que expuxo as prioridades e obxectivos das Contas da Xunta de Galicia para o próximo exercicio. Á reunión asistiron os secretarios xerais de CC OO, Xan María Castro Paz; da CIG, Xesús Seixo Fernández; e da UGT, José Antonio Gómez; xunto co director xeral de Orzamentos, Pedro Antonio Fernández; e o director xeral de Planificación e Fondos Comunitarios, Aureliano García González-Llanos.

Ao finalizar a reunión, Fernández Antonio subliñóu as prioridades dos Orzamentos para o próximo ano que son a educación e formación do capital humano; a investigación, desenvolvemento e innovación; a mellora das infraestruturas; a creación de emprego; o gasto social en sanidade, vivenda e dependencia; e o reequilibrio territorial. Neste sentido, detacóu o obxectivo de creación de 35.000 novos empregos e a redución en tres décimas da taxa de paro. O conselleiro tamén explicou a importancia que terán as políticas de formación como elemento fundamental da competitividade da economía galega e da política da Xunta. Segundo expuxo aos sindicatos, unha posición máis competitiva de Galicia non virá polo lado dos menores costes salariais, se non dunha maior produtividade do factor traballo e do tecido produtivo; e dunha reasignación cara a sectores e actividades máis eficientes en función dos recursos e capacidades. “Temos que competir en Europa non por salarios baixos, se non por emprego de calidade, con formación, e en sectores nos que teñamos unha forza por maior competencia profesional”, concluiu.

Pulo ao investimento produtivo

Na súa exposición aos sindicatos, o conselleiro de Economía tamén aludiu aos incrementos nas dotacións das prioridades fixadas polo Goberno galego na súa política económica. “Insistimos na importancia que ten este ano o esforzo en investimentos sobre a base de conter o crecemento do gasto corrente”, afirmóu. Nesta liña, subliñou que os gastos de capital van a crecer por riba da media do presuposto: “un elemento fundamental é o incremento dos investimentos produtivos e a dinamización da nosa economía”, concluiu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia