Skip to main content

O Igape facilitou a creación de 446 novas empresas mediante o sistema de Sociedade Limitada Nova Empresa

Desde a posta en marcha da súa rede composta por 7 Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT), en febreiro de 2004, o Igape atendeu de xeito personalizado máis de 3.700 consultas presenciais recabando información e fixo posible a tramitación para a constitución de 446 novas sociedades mediante o sistema telemático que incorpora a nova figura xurídica Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE), especialmente orientada aos impulsores de novas iniciativas empresariais e que en Galicia está a ser moi requirida. En datas próximas, os PAIT do Igape tamén facilitarán a tramitación telemática para a constitución de sociedades limitadas convencionais.

Este sistema baseado nas novas tecnoloxías axiliza o proceso e evita moitos trámites aos emprendedores; así, desde o momento en que os promotores acoden ó notario (única xestión presencial xunto coa realizada no PAIT do Igape) ata quedaren constituídas as súas empresas pasan por termo medio só 1,41 días hábiles; a media no conxunto das comunidades do Estado onde está implantado o sistema é de 2,01 días. Galicia é a segunda comunidade autónoma por número de empresas creadas por esta vía, só por detrás da de Madrid, onde se puxo en marcha antes.

Achegar aos novos emprendedores información detallada sobre as posibilidades e beneficios que aporta a SLNE para os emprendedores e, ao mesmo tempo, facilitar a constitución de novas empresas abeiradas a esta fórmula xurídica, son os obxectivos dos Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT) abertos para Galicia. Os PAIT dispoñibles nas oficinas que ten o Igape nas diferentes cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo) permiten ós emprendedores que impulsen proxectos empresariais de pequena dimensión crear as súas empresas de maneira áxil, con apoio directo e con plenas garantías xurídicas; o procedemento de constitución pode ser telemático, desde as sedes do Igape (previa cita no 902 300 903) ou presencial, segundo o modelo tradicional de constitución de empresas.

Os PAIT do Igape informan, orientan e prestan servicios ós emprendedores tanto na definición e tramitación administrativa das súas iniciativas empresariais como sobre as distintas axudas públicas ás que poida acollerse o proxecto. A través do espacio sobre SLNE da web do Igape, os emprendedores poden atopar información detallada sobre os pasos a seguir para a creación dunha empresa por esta vía, así como acceder a todas as ferramentas interactivas que están ó seu dispor, con enlaces a webs do Ministerio de Industria, da Axencia Tributaria ou da Seguridade Social.

Ademais de informar polo miúdo, os PAIT e tramitan as solicitudes de constitución de novas empresas baixo a forma xurídica da SLNE, mediante o sistema telemática desenvolto pola dirección xeral de Política da pyme, co programa de axuda para a cumprimentación do documento único electrónico (PACDUE), que ven a complementar os servicios de información sobre axudas ou servicios a que pode acollerse cada proxecto que viña prestando o Igape desde as súas oficinas territoriais. Os PAIT, por outra banda, tamén poden orientar sobre aspectos referidos a réxime de seguridade social ou fiscalidade, prestando un apoio integral aos emprendedores cos mecanismos xa dispoñibles no Igape.

Axilidade e seguridade xurídica

A facilidade e axilidade de constitución mediante a tramitación telemática e a seguridade xurídica que supón para proxectos de reducida dimensión son dúas das aportacións máis salientables do Estatuto da Nova Empresa, ao que poden acollerse sociedades cun número máximo de cinco socios (persoas físicas) no momento da súa constitución, aínda que tamén permite a SLNE unipersoal; o capital mínimo das empresas será de 3.012 euros, quedando o máximo fixado en 120.202 euros; os organos de goberno da SLNE son sinxelos, dado que non se prevé consello de administración e o administrador é un dos socios.

A SLNE pode levar un sistema de contabilidade simplificada, a través dun único rexistro contable. A marco fiscal é outro dos aspectos interesantes, ó incorporar vantaxes como o aprazamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ou das débedas tributarias derivadas do imposto de sociedades correspondente aos dous primeiros anos desde a constitución; tamén se prevé aprazamento o fraccionamento das cantidades derivadas das retencións ou ingresos a conta do IRPF que se devenguen no primeiro ano, e non existe obriga de facer pagamentos fraccionados do imposto de sociedades a conta das liquidacións correspondentes ós dous primeiros exercicios.
Gabinete de Comunicación do Igape (Consellería de Economía-Xunta de Galicia)