Skip to main content

Emigración promoverá convenios con universidades de EE.UU. para que os alumnos de orixe galega neste país participen en intercambios e completen estudos en Galicia

A Secretaría Xeral de Emigración, cuxo titular, Manuel Luís Rodríguez, puxo fin onte á súa viaxe por México e Estados Unidos, promoverá a partir da primeira parte de 2007 convenios de colaboración con diferentes universidades norteamericanas, baixo o obxectivo de que aqueles alumnos de orixe galega pertencentes a estas institucións participen en intercambios de estudantes con Galicia, e deste xeito completen a súa formación superior no sistema universitario galego, ao tempo que estreitan os lazos culturais e afectivos co país do que son orixinarios.

Esta iniciativa, presentada polo secretario xeral de Emigración a algúns dos representantes dás comunidades de galegos e galegas en Nova York, foi ben recibida polos mesmos, que asemade demandaron maior información sobre accións de similares características que xa este ano puxo en marcha a Secretaría Xeral de Emigración, como é o caso das becas de posgrao dirixidas a licenciados de orixe galega que desexen fechar nalgúns dos campus galegos a súa formación universitaria.

Manuel Luís Rodríguez, que durante os dous días que se prolongou a súa estancia en terras estadounidenses visitou a Casa de Galicia-Unidade Galega, a Sociedade Española de Socorros Mutuos “La Nacional”, e o Círculo Español, polo que se refire a Nova York, e o Centro Orensano Social e a Peña Galega, ambos en Newark (Nova Jersey), asumiu o compromiso de reforzar dende o seu departamento, en consonancia coas demandas cursadas polos propios galegos residentes en EE.UU., aquelas accións relacionadas co impulso da lingua e a cultura galegas. A necesidade de promover cursos de lingua galega foi unha constante, de feito, formulada nos diferentes coloquios que Manuel Luís Rodríguez mantivo coa cidadanía galega nos diferentes centros e entidades.

Castelao en Queens

Relacionada precisamente con esta circunstancia, o responsable de Emigración asegurou que o ano 2007 será o intre no que por primeira vez se recoñeza e pondere a emigración histórica aos Estados Unidos, especialmente aquela que abandonou Galicia na primeira metade do século XX. A vindicación deste emigración, cuxa relevancia ata agora non foi recoñecida, traducirase na vida práctica dos centros na realización de actividades culturais que rendan homenaxe a figuras como Castelao ou Emilio González, que coa súa presenza en Nova York, moi vinculada aos centros galegos de Manhattan e Queens, contribuíron a reforzar a identidade galega nos Estados Unidos.

Entrevista no Instituto Cervantes

As políticas culturais que a Secretaría Xeral de Emigración impulsará en territorio estadounidense foron obxecto aínda de análise noutro foro, en concreto no marco da reunión que sostiveron Manuel Luís Rodríguez e Eduardo Lago, actual director do Instituto Cervantes en Nova York, que nunha primeira entrevista que terá continuidade en próximas datas, permitiu abordar a análise dos campos de colaboración a cultivar entre o Goberno galego e o Instituto, de cara a fortalecer a presenza da cultura galega na cidade, e a motivar a participación dos cidadáns de orixe galega na rica programación cultural que promove o Instituto Cervantes.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia