Skip to main content

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria forma a 30 profesores de infantil na utilización de pupitres electrónicos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria celebra no Conservatorio de Música de Santiago de Compostela unha xornada de formación sobre pupitres electrónicos. Nesta actividade participan 30 profesores de educación infantil que contan con estes equipos nas súas aulas.

Os pupitres electrónicos, un centro de aprendizaxe especialmente deseñado para nenos e nenas de idades comprendidas entre tres e seis anos, son unha doazón de IBM. En total, a empresa aportou 20 equipos, que se implantaron en 10 centros galegos. Os pupitres inclúen un software educativo e xa foron postos en marcha noutros países.

Durante a xornada, os docentes instruiranse sobre a utilización dos equipos e terán a oportunidade de coñecer as experiencias de profesores doutras Comunidades Autónomas, que xa puxeron en marcha este proxecto nas súas aulas.

Esta iniciativa forma parte da liña de accións emprendida pola Administración educativa co fin de promover a presenza das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) á ensinanza. Neste caso, preténdese facilitar a súa incorporación desde os primeiros cursos.

Os centros seleccionados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a posta en marcha deste proxecto son, na provincia de A Coruña: o CPI de Xanceda (Mesía) e o CRA Nosa Sra. do Faro (Ponteceso); na provincia de Lugo: o CEIP Mestre Rivera Casás (Cervo), o CPI de Seoane (Folgoso do Caurel), e o CPI de Cervantes (Cervantes); na provincia de Ourense, o CEIP de Maceda (Maceda), o CEIP de Sarreaus (Sarreaus) e o CEIP Saco e Arce (Toén). Na provincia de Pontevedra, contarán con pupitres electrónicos o CEIP de Castrelo (Cambados), e o CRA María Zambrano (O Rosal).
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia