Skip to main content

Pérez Touriño anuncia que a Xunta destinará o vindeiro ano dez millóns de euros a programas para a integración laboral de persoas con discapacidade

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Goberno que preside destinará o vindeiro ano 2007 un total de dez millóns de euros destinados a promover a integración laboral de persoas con discapacidade. O máximo mandatario galego así o sinalou durante a visita que realizou ao Centro Especial de Emprego de Trameve, destinado á venda de compoñentes de vehículos e que ten como obxectivo prioritario favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade. Durante o percorrido por Trameve, o presidente da Xunta estivo acompañado polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.

“Nos orzamentos de 2007 hai un total de 10 millóns de euros destinados a esta finalidade”, indicou Pérez Touriño, comprometendo ademais que a Xunta seguirá a traballar “nesta liña”. No ano 2006 os programas para a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego contaron cun orzamento de 6.600.000 euros e no vindeiro exercicio, no ano 2007, o orzamento nesta materia ascende aos 7.500.000 euros, aos que hai que sumar outros 2,5 millóns destinados a actividades complementarias.

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico sinalou que o obxectivo é que o vindeiro ano estea en pleno funcionamento unha rede de centros especiais de emprego. Serán un total de 100, que se potenciarán ata ofrecer traballo a preto de 1.400 persoas.

Liñas de actuación para a integración dos discapacitados

O presidente da Xunta lembrou ademais, que “unha prioridade da acción de Goberno” consiste precisamente en dar “as máximas posibilidades e conseguir a máxima capacidade de integración das persoas que teñen algún tipo de discapacidade”, integración en todos os campos pero, fundamentalmente, no que ten que ver co mundo laboral.

Por iso o Goberno galego está a traballar nunha tripla dirección para a inserción no mundo laboral das persoas que padecen algún tipo de discapacidade: tratando de buscar un itinerario personalizado e realizando un seguimento directo das persoas con discapacidade para procurar a súa integración directa ao mundo laboral; impulsando o autoemprego; ou ben a través dos centros especiais de protección de emprego, como o visitado hoxe polo presidente galego.

Referíndose concretamente aos centros especiais de emprego, Pérez Touriño lembrou a súa función “de tránsito” e de “ponte” para buscar a incorporación “plena” no mundo laboral das persoas con discapacidade.

Así mesmo, o titular da Xunta aproveitou a súa visita ao centro de Trameve para facer un chamamento á colaboración de toda a sociedade “para facer ese esforzo na dirección positiva de garantir a integración” dos que padecen algunha discapacidade, algo que considerou “esencial”.

Vitalidade do mercado de traballo

En declaracións aos medios de comunicación, o máximo mandatario autonómico tamén valorou positivamente, a “vitalidade do mercado de traballo” galego. A este respecto sinalou que os últimos datos da Epa “verifican que hai un empuxe importante no mercado de traballo de Galicia, unha dinámica positiva”. Segundo a Enquisa de Poboación Activa, Galicia é a Comunidade de España “onde se ten achegado máis na creación de emprego e no crecemento de actividade e onde se ten reducido a taxa de paro de forma moi significativa” xa que, segundo remarcou Pérez Touriño, “por primeira vez en 25 anos estamos por debaixo da cifra dos 100.000 parados” e a taxa de paro “está por baixo da taxa española”.

Emilio Pérez Touriño salientou a necesidade de seguir traballando “nesta dirección”, amosándose confiado en que no vindeiro ano 2007 sexa tamén un ano “moi importante para Galicia en termos de crecemento de emprego e diminución do paro”.

Centro de Trameve

O Centro Especial de Emprego Trameve, visitado hoxe polo mandatario galego e promovido pola Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI), está dedicado á recuperación de vehículos con destino á venda e desguace ecolóxico de automóbiles. O obxectivo do centro é a venta dos compoñentes dos vehículos e, ao mesmo tempo, a integración laboral de persoas con discapacidade.

O labor destes traballadores céntrase en someter aos vehículos a un proceso de descontaminación, segundo estipula a normativa europea en materia de protección do medio ambiente. Deste xeito, o cadro de persoal de Trameve encárgase de retirar aceites, valvulinas, baterías, líquidos de refrixeración, combustibles e todo aquilo que sexa contaminante.

No ano 2002, data na que comeza a súa actividade, o centro ten un cadro de persoal formado por 9 persoas, mentres que no ano 2005 o seu cadro de persoal aumentou máis dun 40%, ao estar formado por 17 traballadores.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia