Skip to main content

Pesca ofrece ás confrarías afectadas polas choivas os medios humanos e materiais necesarios para as limpezas das praias

Carmen Gallego, que está acompañada do secretario xeral da Consellería, Miguel López Sieiro, e o director xeral de Recursos Mariños, Francisco Fernández Cortés, reunirase en San Caetano cos responsables dos pósitos de Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Pontevedra, Raxó e Lourizán.

Medidas dispostas pola Consellería

Dende que se produciron os primeiros arrastres de lodos e sedimentos
nalgunhas praias galegas como consecuencia das fortes riadas das últimas
semanas, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos puxo en marcha un amplo
dispositivo de actuacións para paliar os seus efectos sobre os bancos
marisqueiros.

O departamento dirixido por Carmen Gallego está a facer un seguimento
exhaustivo e unha valoración da situación que pode provocar a acumulación
de lodos nos areais afectados. A avaliación destes danos será totalmente
rigurosa, xa que a Dirección Xeral de Recursos Mariños posúe numerosas
mostraxes dende o pasado mes de agosto dos bancos marisqueiros galegos.
Isto permitiranos obter unha avaliación fidedigna do estado das poboacións
dos moluscos bivalvos.

Nun prazo estimado de dez días, a Consellería de Pesca terá os datos
exactos de cáles poden ser as consecuencias das intensas choivas acaecidas
en Galicia nos últimos días. Asemade, este departamento está a contratar
dende o primeiro día maquinaria e persoal para dar resposta ás necesidades
de limpeza e retirada dos lodos das praias. Entre o material aportado pola
Consellería de Pesca e o Ministerio de Medio Ambiente, a través da empresa
Tragsa, cabe destacar:

- No banco de Combarro: Dúas palas mixtas, dúas retro xiratorias, dúas
palas oruga e 6 camións tipo dumper.

- No banco de Raposiños, na Pobra: Unha retrocargadora, un camión tipo
dumper e un tractor con remolque e guindastre. Nesta praia valórase tamén a
posibilidade de contratar unha draga.

- Na praia de A Torre, en Rianxo: Un tractor remolque, unha retrocargadora,
dous camións tipo dumper e un camión portacontenedores.

O custe desta maquinaria, xunto cos efectivos despregados, ascende a máis
de 13.000 euros por día.

Axudas

Nas zonas onde se detecten danos, a Consellería de Pesca e Asuntos
Marítimos procederá, dentro do ámbito do decreto que aprobou o pasado xoves
o Goberno de Galicia, a axudar aos colectivos de mariscadores afectados
para manter o seu nivel de ingresos habituais nesta época do ano e
rexenerar as zonas danadas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia