Skip to main content

A Egap e a Fundación Universidade da Coruña formarán a técnicos especializados na atención á poboación inimigrante

O presidente da Fundación Universidade da Coruña, José María Barja Pérez, e o director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Antonio Izquierdo Escribano, asinaron na Coruña un convenio para a formación de técnicos especializados na atención á poboación inmigrante desde as Administracións Públicas, para mellorar o trato que recibe este colectivo na súa relación con elas.

Conforme a este obxectivo xeral, o desenvolvemento do cal comparte coas comunidades autónomas de Andalucía, Asturias e Cantabria, o proxecto que van desenvolver as dúas institucións abrangue tres compoñentes de carácter formativo: a realización dun estudio sobre as necesidades formativas dos técnicos da Administración estatal, autonómica e municipal que traballen con poboación estranxeira; a edición de materiais formativos de apoio técnico para os profesionais especializados na atención a persoas estranxeiras; e a realización de xornadas formativas.

A detección das necesidades de formación indagará nas demandas de formación específica no traballo cos inmigrantes, as demandas de medios técnicos e materiais para abordalo e a detección de “boas prácticas” administrativas no trato cos estranxeiros.

O director da EGAP lembrou que a integración social da poboación inmigrante é responsabilidade compartida de todas as Administracións, pero que a Local, pola súa proximidade ao cidadán, debe asumir a xestión desta nova realidade social, para o cal cómpre que sexa capaz de adaptar a súa estrutura organizativa e garantir unha formación axeitada dos técnicos que deseñen e orienten esa integración.

Na súa opinión, “a imaxe que os cidadáns teñan dos concellos e dos servizos que lles prestan será a imaxe que terán da propia comunidade autónoma”. No caso concreto da atención aos inmigrantes, os empregados públicos municipais deberían contar cun protocolo de actuación común co que afrontar do mellor xeito as necesidades que lles formulen os estranxeiros.

Os traballos serán realizados por un equipo de investigación dirixido polo profesor Diego Constantino López de Lera, e deberán remitirse á EGAP antes do 30 de novembro do 2006. A EGAP destinará ao financiamento desta actuación 53.300 euros.

Dependencia

A Fundación e a EGAP asinaron tamén un contrato para a realización dun informe preliminar para cuantificar as persoas con dependencia, avaliar as súas necesidades e coñecer o grao de severidade da súa falta de autonomía. O estudio inclúe unha análise sociodemográfica deste colectivo, con especial atención aos maiores de 65 anos.

O informe haberá de servir de base para realizar un mapa de servizos sociais, cun estudio da capacidade da rede asistencial existente para atender ás persoas maiores e unha análise da cobertura de cada unha das prestacións que se lles ofrecen na actualidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia