Skip to main content

A Consellería de Traballo disporá en 2007 de 32 millóns de euros máis para fomentar o emprego estable, a seguridade dos traballadores e a igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres

A Consellería de Traballo contará en 2007 cun orzamento total de 330.301.783 euros, o que supón 32,5 millóns de euros máis que no exercicio anterior, presupostos que serán destinados fundamentalmente á promoción do emprego estable, seguro e de calidade e a facilitar a igualdade real de oportunidades para mulleres e homes no mercado laboral. Así o espuxo o titular desta consellería, Ricardo Varela, quen destacou que os restantes obxectivos do seu departamento serán impulsar un mercado laboral igualitario e accesible a todos os colectivos; fomentar o emprendemento e a economía social; e potenciar o incremento da participación dos axentes sociais.

O conselleiro subliñou que nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2007 o incremento orzamentario da Consellería de Traballo é 2,6 puntos superior ao da media do Goberno galego. Mentres esta consellería medra nun 10,9%, a media de crecemento dos orzamentos da Xunta é dun 8,3. Polo tanto, “a prioridade política do emprego tradúcese en prioridade orzamentaria”, destacou. Segundo explicou, o reto fundamental destes orzamentos é conseguir “o triplo 10”: incrementar un 10% a ocupación das mulleres, un 10% a da mocidade, e un 10% a da poboación con especiais dificultades de inserción laboral.

En función dos distintos departamentos da Consellería de Traballo, o que rexistra un maior incremento orzamentario porcentual é a Dirección Xeral de Relacións Laborais, cunha suba dun 31,9%. Cómpre destacar que os programas de promoción da economía social, que ata agora estaban na Dirección Xeral de Promoción do Emprego, pasan en 2007 á Dirección Xeral de Relacións Laborais, departamento con competencias nesta área, co fin de conseguir unha racionalización funcional da xestión. Non obstante, o programa de Mellora da Organización e Administración das Relacións Laborais e da Economía Social, correspondente a este departamento, rexistra un incremento orzamentario dun 42,65%. Da mesma maneira, o programa de Mellora dos Sistemas de Seguridade e Saúde no Traballo conta cun incremento dun 19%. Así, a Dirección Xeral de Relacións Laborais pasa dos 16,8 millóns de euros dos que dispoñía en 2006 a 22,2 millóns en 2007.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación é a que recibe un incremento orzamentario maior en cifras absolutas. Dos 90,4 millóns de euros do exercicio anterior, pasa a 104,5 millóns, o que supón un aumento de presuposto dun 15,67%. Un dos programas deste departamento que serán máis potenciados será o da Mellora da Cualificación do Emprego, o que recibe un incremento no esforzo dun 45,6%. Ademais, o apartado de Formación Profesional de Desempregados rexistra un incremento orzamentario dun 13%.

Polo que respecta á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, o aumento de presupostos respecto a 2006 ascende a un 6,8%. Esta dirección xeral segue a ser a que conta cun maior orzamento total, xa que pasa dos 162 millóns que lle correspondían o ano anterior a 173,2 millóns.

Dirección e servizos xerais de emprego

Este concepto, correspondente á Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, contará cun orzamento total de 13 millóns de euros. Esta contía será administrada polo secretario xeral, José Vázquez Portomeñe, para a consecución de catro obxectivos fundamentais: a consolidación dun marco institucional e operativo coordinado e eficaz; a mellora e impulso da contratación administrativa de toda a Consellería; a racionalización e mellora de procedementos administrativos en materia de persoal; e a potenciación na difusión e comunicación das liñas de actuación da Consellería.

Mellora e Fomento da Empregabilidade

A Dirección Xeral de Promoción de Emprego, a cargo de Álvaro Ansias, destinará 93,6 millóns dos seus orzamentos a este programa, para reducir as taxas de desemprego, crear novos postos de traballo e incrementar o ritmo de creación de iniciativas empresariais. Para iso fará uso de tres actividades principais: un programa para adquisición de experiencia de mulleres desempregadas e de novos xacementos de emprego, ao que se destinarán 42,6 millóns; un plan de adquisición de experiencia de desempregados e de fomento do emprendemento e do desenvolvemento local, que contará con 14,3 millóns; e as escolas obradoiro, casas de oficio e obradoiros de emprego, aos que se destinarán 32,8 millóns de euros.

Integración laboral de colectivos desfavorecidos

O programa de Integración Laboral de Colectivos Desfavorecidos e en Risco de Exclusión Social recibe 79,5 millóns de euros dos correspondentes á Dirección Xeral de Promoción do Emprego. Con este programa traballarase para a redución das taxas de desemprego, facendo especial fincapé na situación das mulleres e da xente nova. Pretende ademais reducir a taxa de precariedade incentivando empregos estables; incrementar o ritmo de creación de iniciativas empresariais, apoiando o emprendemento; facilitar a integración sociolaboral das persoas con discapacidade; e fomentar a creación de empresas de inserción.

Así pois, esta dirección xeral destinará 1,7 millóns de euros a iniciativas de emprendemento e innovación; 5,6 a incentivos a favor do emprego da mocidade; 13,7 millóns a incentivos para a creación de empregos de calidade e plans sectoriais de estabilidade, froito do Diálogo Social; 16,2 millóns á promoción de emprego autónomo e iniciativas de emprego; 7 millóns á integración laboral de persoas con discapacidade; 6,3 millóns a plans sectoriais de estabilidade e medidas de mellora da empregabilidade; e un millón de euros a empresas de inserción. A contía máis importante deste programa , que ascende a 23,4 millóns de euros, corresponderá a medidas favorecedoras da inserción laboral de colectivos desfavorecidos, coma mozos, mulleres, parados de longa duración e persoas en risco de exclusión social.

Intermediación e inserción laboral

Este último apartado da Dirección Xeral de Formación e Colocación busca incrementar a capacidade de intermediación das administracións entre as empresas e os demandantes de emprego, así como garantir o funcionamento dos pactos territoriais de emprego. Así pois, un total de 13,8 millóns de euros serán destinados á elaboración de itinerarios personalizados de inserción, así como ao funcionamento do Servizo Público de Emprego e o desenvolvemento dos pactos territoriais de emprego. Trátase de medidas acordadas polas mesas do Diálogo Social.

Formación profesional de desempregados

A Dirección Xeral de Formación e Colocación, dirixida por Pastor Fuenteseca, disporá en 2007 e 60,7 millóns de euros para aumentar os recursos do coñecemento dos traballadores e fomentar a empregabilidade; mellorar a cualificación laboral; impulsar a igualdade de oportunidades; e favorecer a inserción e reinserción de desempregados.

Concretamente, á formación de traballadores desempregados serán destinados 1,9 millóns de euros. A maior contía, de 46,8 millóns de euros, absorberana o plan FIP e os novos programas Innova, Coopera e Contratación Inmediata. Estes novos proxectos estarán dirixidos fundamentalmente á inserción laboral dos colectivos desfavorecidos. O programa Innova será desenvolvido polas direccións xerais de Promoción do Emprego e de Formación e Colocación. O programa Coopera terá un carácter transversal, xa que será desenvolvido polas tres direccións xerais da Consellería de Traballo.

Mellora da cualificación no Emprego

A Dirección Xeral de Formación e Colocación destinará 18,3 millóns de euros á mellora da cualificación no emprego, co fin de proporcionar coñecementos axeitados aos traballadores ocupados; actualizar a especialización funcional; reforzar a empregabilidade; e asegurar a actualización do nivel de competencias dos traballadores. Todas estas medidas pretenden conseguir reforzar a estabilidade no emprego.

Mellora da administración das relacións laborais e da economía social
A Dirección Xeral de Relacións Laborais, baixo a dirección de Pilar Cancela, destinará 12 millóns de euros a este programa, que ten como finalidade a divulgación da fórmula empresarial cooperativa; coordinar e optimizar actividades formativas; crear un grupo titorial de acompañamento dos proxectos cooperativos; apoiar as empresas en crise ou en procesos de reestruturación; respaldar as actuacións das centrais sindicais con implantación na Comunidade Autónoma; e apoiar o diálogo nas relacións laborais.

O fomento do cooperativismo, a través do Plan Estratéxico do Cooperativismo, será o obxectivo ao que se dedique a maior contía deste orzamento, xa que contará con 4 millóns de euros. En segundo lugar, serán destinados 2 millóns ás axudas para a creación de gabinetes de formación e artellamento de cadros sindicais. As actividades destinadas ao incentivo das cooperativas contarán cun orzamento superior aos 2 millóns de euros.

Mellora dos sistemas de seguridade e saúde no traballo

A Dirección Xeral de Relacións Laborais destinará ademais 11,3 millóns de euros á mellora dos sistemas de seguridade e saúde no traballo, con intención de reducir os accidentes laborais, así como a súa gravidade; mellora a calidade do emprgo; potenciar a información e o asesoramento nas empresas galegas; e, en definitiva, crear unha cultura preventiva na sociedade en xeral.

Así, á parte de actividades de formación en materia de seguridade e dotacións técnicas, destinará 1,5 millóns de euros a plans de prevención en sectores de alto risco; 1,9 ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais, acordado en plena colaboración cos axentes sociais.

Conclusións

O conselleiro de Traballo manifestou a súa intención de seguir afondando na “cultura do diálogo” como elemento de mellora do emprego nas relacións laborais. Para iso traballarase a través da Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, a consolidación dun novo modelo de Servizo Público de Emprego, o Instituto Galego de Saúde Laboral, o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais, os Pactos Sectoriais de Estabilidade, o Programa de Apoio ás Empresas de Inserción, a Lei de Participación Institucional e, por último, a modificación da Lei Reguladora do Consello Galego das Relacións Laborais.

Neste sentido, Ricardo Varela anunciou a súa vontade de seguir poñendo en marcha políticas de promoción do emprego e liñas de formación en colaboración cos axentes sociais. Así mesmo, seguirase a facer unha aposta decidida pola economía social, a través do programa Coopera, coa finalidade de consolidar esta fórmula “como elemento de fixación de poboación” e de fortalecemento do entramado produtivo.

Por outra banda, salientou o seu empeño persoal en impulsar as políticas necesarias para reducir a sinistralidade laboral, fomentar a presenza da muller en todas as ocupacións e fomentar o emprego da mocidade, xunto coa inserción laboral dos colectivos menos favorecidos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia