Skip to main content

Os centros educativos da comunidade galega celebran eleccións ao Consello Escolar entre o 24 e o 30 de novembro

Os centros docentes públicos da Comunidade galega celebran entre os días 24 e 30 de novembro as eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no Consello Escolar.

Segundo marca o calendario electoral, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 19 de setembro de 2006, a constitución da xunta electoral celebrarase entre o 2 e o 7 de novembro de 2006, ambos os dous incluídos. Este organismo ten a competencia de concretar o calendario electoral para o centro ao que representa. Aínda que o prazo de celebración de eleccións vai do 24 ao 30 de novembro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recomenda que a xunta de cada centro fixe unha única data co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados.

Ademais, as xuntas electorais deben ter presente en todo caso que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.

Este calendario afecta exclusivamente aos centros que renovan o seu Consello Escolar. No caso daqueles centros que iniciaron o seu funcionamento no curso 2006-2007, e que polo tanto constitúen o seu Consello Escolar por primeira vez, as eleccións celebráronse entre o 25 e o 31 de outubro. Así mesmo, a xunta electoral constituíuse entre os días 2 e 5 do mesmo mes.

O Consello Escolar é un órgano que permite a participación dos distintos membros da comunidade escolar nas decisións que se toman no centro. A súa composición depende da tipoloxía e características do mesmo. O número de membros poderá ser modificado en cada renovación en función do número de unidades que teñan no momento dos comicios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia