Skip to main content

Traballo subvenciona aos concellos galegos a contratación de máis de 4.000 desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social

A Consellería de Traballo está a subvencionar a contratación de máis de 4.000 traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, en virtude dos programas de cooperación coas entidades locais. Os programas de cooperación son un instrumento que permite que os desempregados adquiran unha experiencia laboral directa. Desta maneira, mellora a súa empregabilidade e facilítaselles a súa posterior inserción no mercado de traballo. Ademais, estes programas teñen unha incidencia importante na xeración de novas actividades económicas que repercuten directamente na xeración de novos empregos nos ámbitos local e rural.

O orzamento destinado pola Consellería de Traballo nestas axudas ronda os 49 millóns de euros. Este departamento desenvolve este programa coa vontade de conceder subvencións á totalidade dos concellos solicitantes que reúnan os requisitos para seren beneficiarios das axudas, o que posibilitará a contratación por parte destes de máis de 4.000 traballadores desempregados.

A subvención consiste nunha contía equivalente aos custos salariais e de Seguridade Social, incluíndo a cotización por desemprego, dos traballadores e das traballadoras que se van contratar durante un período de ata 12 meses, mediante a modalidade de contrato de duración determinada de interés social.

Entre as obras e servizos máis frecuentemente subvencionados destacan:

• Axuda a domicilio e no fogar a persoas incapacitadas o maiores.
• Coidado de nenos e ludoteca infantil.
• Servizos sociais para persoas con dificultade e desarraigamento social. En especial, os de apoio e inserción laboral para mulleres vítimas de violencia.
• Promoción turística dos concellos.
• Promoción cultural, biblioteca e catalogación de fondos e arquivos municipais.
• Intermediación laboral.
• Animación sociocultural e promoción do deporte no concello.
• Actuacións medioambientais en camiños públicos, parques e zonais naturais. Limpeza e protección de praias e zonas fluviais.
• Rehabilitación do patrimonio e edificios de titularidade municipal.
• Actuacións de mellora das condicións de vida nos concellos: limpeza viaria, mellora de espazos urbáns, acondicionamento de fontes e lavadoiros, sinalización de rúas...

Esta fórmula é a que permite, tamén, a contratación polas entidades locais, dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR) e os servizos de salvamento e socorrismo en praias e piscinas fluviais.

Resulta interesante salientar o feito que en torno ao 90 % das actuacións que se están a realizar están relacionadas coa prestación de servizos, en detrimento das obras. Especialmente trátase de servizos relacionados cos novos filóns de emprego, que teñen unha mayor potencialidade para xerar novos postos de traballo.

Desenvolvemento do programa por provincias

Á espera de obter os datos definitivos ao peche do exercicio, o número aproximado de traballadores desempregados subvencionados ata o momento experimenta un comportamento diferenciado por provincias, sendo superior os importes das provincias da Coruña e Pontevedra. Isto é debido ao peso de variables decisivas na distribución provincial destes fondos, como son o paro rexistrado e a súa evolución entre 2001-2005, así como a variación da población entre 2000-2004.

En canto á duración da relación laboral dos traballadores contratados para a prestación de obras e servizos, a media de duración dos contratos pode situarse en torno aos 9 meses e medio, tempo que se considera necesario a fin da garantir a súa eficacia en canto á mellora da empregabilidade dos desempregados participantes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia