Skip to main content

Política Lingüística promoverá accións de normalización lingüística nas empresas de servizos fúnebres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vai colaborar coas empresas de servizos fúnebres que operan en Galicia para favorecer a galeguización deste sector. Marisol López mantivo unha xuntanza con representantes deste sector, que lle expuxeron a posibilidade de editar dúas publicacións coas que se facilitaría a oferta dos servizos funerarios en lingua galega.

Unha das publicacións que se están preparando conterá os distintos protocolos funerarios que se establecen en diferentes confesións relixiosas e tamén nas celebracións fúnebres de carácter laico.

A segunda das propostas é a elaboración dun documento sobre servizos funerarios en galego (modelos de esquelas, lápidas, notas necrolóxicas, rotulación das coroas, etc.).

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborará na edición destas publicacións, que poderán servir para procurar un maior uso do galego neste sector. De feito, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega propón o establecemento de contactos co empresariado dos servizos fúnebres para que, utilizando os materiais existentes en galego, practiquen cos seus clientes a oferta positiva de ofrecérenlles de entrada en galego os seus servizos, maiormente ás persoas que sempre o falaron.

Na actualidade, a utilización da lingua galega tanto nos actos funerarios coma nos cemiterios é moi inferior ao uso da mesma na sociedade, polo que cómpre desenvolver políticas de impulso ás empresas para que estas ofrezan os seus servizos en galego.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia