Skip to main content

O secretario de Emigración reúnese cos representantes dos centros galegos en Uruguai para informalos do proceso que seguirá o Hospital de Casa de Galicia

O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, reuniuse cos representantes das principais entidades galegas asentadas en Uruguai para informalos das medidas adoptadas por parte dos gobernos galego e uruguaio fronte á eventual intervención do hospital de Casa Galicia de Montevideo por parte da administración do país suramericano.

O responsable de departamento de Emigración da Xunta, despois de manter un encontro a última hora de onte coa directiva da Unión de Sociedades Galegas en Uruguai, entidades que agrupa a tódolos centros galegos asentados na capital, reuniuse hoxe coas xuntas directivas, sucesivamente, do Centro Galego, o Padroado da Cultura Galega, o Centro Ourensán, o Centro Bergantiños, e o Fogar Español, onde visitou o fogar de día e mantivo unha reunión con representantes do Consello de Residentes Españois.

Manuel Luís Rodríguez, que transmitiu nas distintas reunións a absoluta disposición do Goberno de Emilio Pérez Touriño a garantir os mecanismos necesarios para que ningún cidadán de orixe galega quede sen asistencia sanitaria, fixo fincapé que deste proceso, que se prolongará por un período de seis meses antes de reverter o control do hospital de novo sobre os emigrantes galegos, a institución de Casa de Galicia sairá reforzada en tanto que se vai consolidar a profesionalidade da xerencia do centro hospitalario coa fin de que adaptalo ás necesidades que unha sociedade moderna esixe.

o secretario xeral fixo un chamamento á tranquilididade por parte dos socios de Casa de Galicia, subliñando que a partir de agora, segundo se acordou no encontro que onte mantiveron a ministra de Saúde Pública do Uruguai, María Julia Muñoz, a conselleira de Sanidade da Xunta, María José Rubio, e o propio Manuel Luís Rodríguez, constituirase un grupo de traballo para adoptar de forma conxunta as decisións máis importantes que afecten á institución.

Normalidade nos fogares de día

[FOTO2[Rodríguez, destacada a disposición a dialogar e colaborar do Goberno uruguaio para que no prazo de medio ano se acaden as condicións que permitan devolver o control do hospital de Casa de Galicia aos socios, ofreceu tódalas garantías de que o proceso de adaptacións polo que vai transitar a institución ata dotarse das estruturas absolutamente profesionais que precisa unha entidade das súas características, non afectará en absoluto á labor asistencial a cidadáns galegos que a Xunta está a dispensar en centros xeriátricos e fogares de día no Uruguai.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia