Skip to main content

Santiago Domínguez anuncia o financiamento dunha piscina no concello de Cartelle

A Dirección Xeral para o Deporte, dirixida por Santiago Domínguez Olveira, asumirá o financiamento da construcción dunha piscina no municipio ourensán de Cartelle.

O director xeral para o Deporte enviou unha carta á alcaldesa de Cartelle, María del Carmen Leite Coello, anunciando a súa intención de financiar o 80 por cento da contía do proxecto, que foi presentado no seu día polo propio Concello ante a Dirección Xeral. Esta piscina é unha obra históricamente demandada por este municipio ourensán e desta forma cúmprense as expectativas de ocio e lecer dos veciños e veciñas de Cartelle. Tamén se cumpre cunha das liñas de actuación desta Dirección Xeral, que traballar para lograr a igualdade de oportunidades para todos, de forma que os nenos e nenas de interior de Galiza tamén podan acceder á práctica do deporte.

Segundo o proxecto técnico presentado polo Concello o orzamento necesario é de aproximadamente 200.000 euros e o prazo de execución das obras será de oito meses. A piscina vai ser construída nunha parcela de 7.450 metros cadrados na que actualmente hai xa un pavillón de deportes cuberto (en construción), un lavadoiro e un espazo para xogos infantís. A nova instalación deportiva contará con dous vasos, un deles de 20x9 e outro máis pequeno para nenos de 5x4, cunha profundidade máxima de 40 centímetros. Ademais contará cunha caseta, para instalar os equipos mecánicos necesarios para o bo funcionamento da piscina e realizarase o peche da parcela. Este proxecto conta coa vantaxe de que non é necesario construír vestiarios, xa que xusto ao lado atópase o pavillón, que dará servizo tamén á piscina.

A Dirección Xeral remitirá o borrador do convenio ao Concello para o seu estudo, co fin de que no primeiro mes do 2007 sexa rubricado.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia