Skip to main content

A directora xeral de Cooperación Exterior manifesta o compromiso do seu departamento de fomentar a investigación no eido da cooperación ao desenvolvemento

A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, manifestou o compromiso do seu departamento no fomento daqueles proxectos encamiñados á investigación no eido da cooperación internacional. Sotelo realizou estas declaracións na rolda de prensa na que se presentou a convocatoria de axudas para proxectos de investigación en cooperación ao desenvolvemento Fondo 0´7% da Universidade da Coruña (UDC), que conta cunha subvención do Goberno galego.

A directora xeral felicitou á universidade da Coruña pola creación desta convocatoria de axudas á investigación en cooperación, única nas tres universidades galegas, considerandoa como punto de partida para “ mellorar a calidade na cooperación ao desenvolvemento”.

Anunciou tamén que a formación será unha das prioridades da Dirección Xeral de Cooperación Exterior para 2007. Sotelo incidiu na “evidente” necesidade de formación para a formulación, seguimento e mellora dos proxectos de cooperación”.

Destacou tamén a importancia de que as universidades galegas se impliquen nas políticas de cooperación ao desenvolvemento, ben sexa a través da realización de proxectos ou mediante actividades de formación e sensibilización. Gabou así mesmo “o número e a calidade” dos proxectos presentados polas universidades galegas ás distintas convocatorias que ten a Dirección Xeral para financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento”.

Cooperación universitaria

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior vén de destinar durante este ano 741.000 euros para proxectos das universidades galegas no eido da cooperación ao desenvolvemento, tanto de cooperación e investigación como en actividades relacionadas coa sensibilización e a formación. Do total destes orzamentos, 596.000 destináronse a proxectos de cooperación e investigación e os 145.000 restantes a formación.

No marco da colaboración entre as universidades e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a UDC e o departamento que dirixe Fabiola Sotelo, veñen de firmar un acordo co que se apoia a financiación desta convocatoria de axudas á investigación e outras accións, como o seminario de Proxectos de Cooperación ao Desenvolvemento no Sur: ONGD e Universidades, que se celebrará os vindeiros 21,22 e 23 de novembro na Facultade de Socioloxía da UDC. Neste seminario analizaranse os proxectos que están a desenvolver as universidades galegas no eido da cooperación ao desenvolvemento, así como a problemática medioambiental ou as campañas sobre o comercio xusto e o consumo responsable que están a levar a cabo as ONGD´s galegas.

Apoio á investigación

A través desta convocatoria de axudas a proxectos de investigación en cooperación ao desenvolvemento que conta co apoio económico da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a Universidade da Coruña (UDC) pretende promover o estudo de temas que sexan de interese e de utilidade para o labor de organismos e profesionais que traballan nestes eidos. Deste xeito, preténdese articular o mundo universitario como un espazo para a formación, xeración e difusión do coñecemento arredor da cooperación ao desenvolvemento, como así o manifestou o xefe da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC, Enrique Peña.

Esta iniciativa da UDC, única en Galicia, enmárcase dentro da creación do Fondo 0´7% co que dende esta Universidade pretenden consolidar o seu compromiso solidario , impulsando actuacións investigadoras e de promoción da formación de cidadáns conscientes das desigualdades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia