Skip to main content

Foro Galicia Tic 2006: Galicia lidera a tramitación telemática de creación de empresas en 48 horas cun 23% do total español

Galicia lidera a tramitación telemática de creación de empresas en menos de 48 horas cun 23% do total español. En concreto, na Comunidade Autónoma constituíronse 446 empresas baixo a fórmula Sociedade Limitada Nova Empresa, cifra só superada pola Comunidade de Madrid, onde o sistema se implantou con carácter piloto antes que en Galicia. Estes datos foron expostos polo conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, na clausura do foro Galicia TIC, evento organizado polo Igape e adicado ao análise da aplicación empresarial das novas tecnoloxías de información e comunicación (TIC).

Na súa intervención, o conselleiro abogou pola incorporación intensa das novas tecnoloxías na xestión empresarial co obxectivo de dar pulo á produtividade e competitividade e impulsar así o crecemento económico no seu conxunto. Segundo Fernández Antonio, o reto de Galicia “é avanzar na converxencia en termos de riqueza e emprego, pero tamén en aspectos como a sociedade da información e o coñecemento, as novas tecnoloxías ou a innovación”. Neste sentido, engadiu, “estamos a falar de elementos que tamén constitúen o reto das empresas que queren ser competitivas e medrar”.

A importancia da aplicación destes elementos é unha prioridade tamén no ámbito da Administración “co obxectivo de servir ao cidadán de xeito máis eficiente”, apuntou o conselleiro. Como exemplo, no ámbito da atención ás empresas, a implantación da constitución telemática de empresas en Galicia permite constituir unha Sociedade Limitada Nova Empresa nun prazo medio de 1,41 días hábiles, fronte a unha media de 2,01 días no ámbito estatal. Igualmente, a extensión da sinatura dixital no Igape, permitiron reducir este ano nun 64% o tempo de tramitación de expedientes no organismo dependente da Consellería de Economía e Facenda.

Cooperación empresarial

O Igape, ademais, ten recollidos nos seus programas de apoio ás empresas liñas específicas adicadas á implantación das TIC e á extensión da sociedade da información entre as empresas galegas. Neste sentido, José Ramón Fernández Antonio aludiu á importancia do desenvolvemento de iniciativas de cooperación neste ámbito, especialmente entre as pemes. “A colaboración facilita a incorporación das TIC ás pequenas e medianas empresas de tal xeito que poden acceder ós beneficios das novas tecnoloxías e incrementar a súa productividade e competitividade”, explicou o conselleiro. De feito, os 22 proxectos colectivos e tecnolóxicos apoiados polo Igape no último ano beneficiaron a máis de mil empresas galegas.

Finalmente, Fernández Antonio expuxo a importancia e o peso dos programas de impulso da sociedade da información e o I+D nos orzamentos para o próximo ano. Segundo explicou, a dotación destes programas crecen por riba dun 20% respecto do ano anterior mentres que o apoio á modernización e impulso da competitividade medran un 18,9%. En total ao obxectivo de incrementar a investigación o desenvolvemento e a innovación destínanse 401 millons de euros, un 17% máis que neste ano.

Noite Galega das Telecomunicacións

Tras a clausura do foro Galicia TIC, o conselleiro de Economía e Facenda participou nos actos da Noite Galega das Telecomunicacións, organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, en A Toxa. José Ramón Fernández Antonio fixo a entrega do Premio Enxeñeiro do Ano 2006 ao director xeral de R, Arturo Dopico; e pronunciou o discurso de clausura do evento.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia