Skip to main content

Preto do 90% dos polígonos das bateas atópanse libres de toxina

Como vén sendo habitual, coa chegada do outono, o episodio tóxico por DSP (toxina diarreica), que deu comezo ao remate do verán, foi adquirindo maior incidencia, extendéndose na práctica totalidade das rías galegas, ata o punto de ter que pechar todas as subzonas de produción de moluscos en batea, agás as situadas na parte máis interna das rías de Arousa e Vigo.

O cambio das condicións oceanográficas que se deu a partires dos últimos días de outubro, propiciou que as poboacións fitoplanctónicas, portadoras de toxina, foran reducíndose de maneira importante, de xeito que os niveis de biotoxina en moluscos comenzaron tamén a descender de forma apreciable, o que permitiu a paulatina reapertura de zonas.

Esta mellora da situación veuse confirmar de xeito concluínte a pasada semana, que arrancaba con 25 subzonas de produción pechadas, o luns día 13, das que tan só 6 permanecen aínda nesa situación. Polo tanto, podemos destacar que ata o momento o 88% das zonas de produción atópanse abertas.

En concreto, a situación dos polígonos de bateas é a seguinte:

–Ría de Ares-Betanzos: Están abertas as dúas zonas de produción existentes, Sada A e Sada B.
–Ría de Corme-Laxe: A única zona de produción que hai nesta ría, Corme B, permanece aberta dende o pasado día 15 de novembro.
–Ría de Muros-Noia: A zona I (Muros B) continúa pechada, pero as zonas II (Muros A) e III (Noia A) están abertas dende o martes día 14.
–Ría de Arousa: As únicas subzonas pechadas son IX.2, IX.3, IX.4, é dicir, Grove C2, Grove C3 e Grove C4. As demáis zonas están abertas, sendo as últimas subzonas en incorporarse a esta situación as I.1 e I.2 (Ribeira B e C) e II.1 (Pobra H), que o fixeron o pasado mércores día 15; a VII.1 (Cambados C Norte) aberta o xoves 16; e a VII.2(Cambados C Sur) e a IX.1 (Grove C1) que abriron o sábado 18.
–Ría de Pontevedra: Tan só permanece pechada en Pontevedra a subzona II.2 (Bueu A2). As demáis zonas de produción están abertas: a subzona III.3 (Portonovo C) abriu o mércores día 15; as subzonas III.1 (Portonovo A) e III.2 (Portonovo B) puideron ser abertas o día 16; as subzonas I.1 (Cangas A) e I.2 (Cangas B), correspondentes á Ría de Aldán, abriron o día 17; e as subzonas II.1 (Bueu B) e II.3 (Bueu A1) abriron o sábado día 18.
–Ría de Vigo: Tódalas zonas están abertas agás a subzona I.1 (Cangas F) na enseada de Liméns, que continúa pechada. As últimas subzonas en abrirse foron as I.2 (Cangas G) e I.3 (Cangas H) que o fixeron o pasado día 14 de novembro.
–Finalmente, a zona de produción ubicada na Enseada de Baiona está aberta dende o pasado día 3 deste mesmo mes.

Para maior información do estado das zonas de produción de moluscos poden visitar a páxina web do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (www.intecmar.org) na Consulta do estado de zonas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia