Skip to main content

O Plan Galego de Estatística 2007-2011 dotará a Galicia dun sistema estatístico eficiente que contribuirá á mellora das políticas públicas e da información cidadá

Un sistema estatístico público debe permitir ao goberno tomar o pulso das potencialidades e das carencias do país ao que serve, así como tamén facilitar a avaliación das políticas instrumentais por parte do conxunto da sociedade. Así o expuxo o conselleiro de Economía e Facenda durante a súa intervención no acto de entrega do I Premio Galicia de Estatística, onde destacou a importancia que ten o proxecto de lei do Plan Galego de Estatística 2007- 2011 “na implementación dunha estratexia tendente á mellora do funcionamento da organización estatística de Galicia”.

O conselleiro subliñou que o Instituto Galego de Estatística (IGE) ten un persoal altamente cualificado e conta cunha oferta estadística con operacións de gran calado. Sen embargo, advertiu, o sistema aínda ten unha marxe para a súa mellora, tal e como se recolle no anteproxecto de Lei que se está a tramitar no Parlamento.

Entre as novidades que aporta o Plan que se tramita no Parlamento están a de designar os órganos estatísticos de cada unha das Consellerías. Esto permitirá, ademais, establecer unha división do traballo conforme a un modelo definido, no que as Consellerías executarán as operacións referidas ao seu ámbito de competencia, mentre que o IGE xestionará aquelas que comprendan diferentes esferas económicas e sociais. Neste sentido o IGE daralle prioridade ás Contas Económicas, ás Estatísticas Sociais e ás Estatísticas Empresariais. Con fin de mellorar os datos estatísticos, o novo Plan establece o requisito de que tódalas operacións deberán contar cun proxecto técnico público do que deberá informar o IGE. Así mesmo, levará a cabo unha reestruturación substancial da oferta pública estatística para poder compensar a produción actual; e cubrir o déficit existente en áreas como a de medio ambiente, a de I+D+i ou a de tecido empresarial.

O obxectivo primordial desta regulación, explicou o conselleiro, é a creación dun marco institucional necesario para a elaboración dunha información de calidade, así como tamén a aplicación de métodos estatísticos mellores para incrementar a calidade da información obtida. Ademais, o Plan dota a Galicia dun sistema estatístico eficiente coa finalidade de que os cidadáns poidan exercer o seu dereito a estar informados. Neste sentido, tal e como afirmou Fernández Antonio, “a estatística pública é unha actividade estreitamente vencellada á democracia”.

I Premio Galicia de Estatística

O I Premio Galicia de Estatística, creado polo Instituto Galego de Estatística e a Fundación Caixa Galicia, foi concedido a Agustín Maravall Herrero, Doutor en Economía pola Universidade de Wisconsin e Doutor Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade de Madrid. Na actualidade Maravall é economista do Servizo de Estudos do Banco de España. O galardoado fixo contribucións innovadoras no desenvolvemento de métodos, programas informáticos, ensino e asesoramento para o axuste estacional baseado en modelos con gran impacto a aceptación por parte de bancos centrais, institutos de estatística, universidades e axencias de todo o mundo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia