Skip to main content

A Consellería de Innovación e Industria impulsa o desenvolvemento de tecnoloxías aplicables ao sector transformador dos produtos de pesca

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, e o secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, asinaron en Santiago de Compostela un convenio de colaboración para a realización dun proxecto de investigación orientado á optimización dos procesos de conxelación e desconxelación de lombos de atún destinados á elaboración de conservas.

Este proxecto persegue, mediante o desenvolvemento e introdución de novas tecnoloxías para o procesamento do peixe en bloques, conseguir formas e dimensións totalmente definidas e invariables que fagan máis doada a manipulación e transporte do peixe, así como aceleren as etapas de conxelación e desconxelación da materia prima.

Para conseguir estas melloras, a investigación plantéxase un triple obxectivo: determinar os tamaños dos bloques de peixe, determinar as condicións óptimas de conxelación para mellorar a calidade organolépticado lombo de atún e redución dos tempos de conxelación e desconxelación así como das manipulacións necesarias nestas etapas e reducir as perdas polo desmigado do atún nas etapas de desconxelación e empaque.

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+I, financiará integramente o proxecto cunha aportación económica de 91.800 euros. Os resultados do mesmo estarán disponibles antes de finais de ano.

ANFACO-CECOPESCA é un centro tecnolóxico que presta servizos ao sector transformador de produtos da pesca e da acuicultura. Entre os seus obxectivos atópase o de fomentar a investigación para o desenvolvemento de novos produtos, así como o asesoramento tecnolóxico e apoio científico, a prestación de servizos de investigación básica e aplicada, o apoio tecnolóxico, a formación, o tratamento e a emisión de información científico-técnica. Pola súa banda, a Dirección Xeral de I+D+I apoia este proxecto no marco do Programa de Recursos Mariños do Plan Galego de I+D+I que persegue incrementar a presenza de produtos galegos da pesca en todos os mercados, aumentando o número de especies ofertadas e a calidade dos produtos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia