Skip to main content

A Egap pon a punto a súa nova web para facilitar o acceso telemático ás súas actividades e recursos documentais

A Escola Galega de Administración Pública conta desde este mesmo mes cun novo portal web que, a través da dirección http://egap.xunta.es/, pretende converterse nunha canle máis áxil para achegar o seu labor ao cidadán. Precisamente para acadar este obxectivo, a páxina web segue as pautas internacionais de accesibilidade sen renunciar a un deseño atractivo, de xeito que calquera usuario poda efectuar as consultas de modo máis doado e rápido.

O portal da EGAP, que quedou activado o pasado 8 de novembro, está baseado en tecnoloxía libre. O mesmo día da súa apertura na rede recibiu máis de 25.000 peticións de páxinas e 450 visitas de usuarios. No seu novo deseño, incorpora funcionalidades como a presentación telemática das solicitudes de recursos da Escola, a apertura de foros temáticos de debate e un potente motor de busca dos recursos asociados aos cursos que xestiona a institución.

Nos próximos meses está previsto activar novos servizos, como titoriais de formación para os empregados públicos, subscrición en liña á revista electrónica Administración e Cidadanía e mesmo a transmisión en directo dos eventos que se celebren no salón de actos da EGAP. Para avanzar na súa relación directa co cidadán e mellorar os servizos que presta o portal, a dirección da Escola quere animar aos usuarios a aportaren suxerencias e comentarios a través dos formularios de contacto e dos foros de debate.

Cursos e documentos

Neste momento, o portal web presenta as últimas novidades relacionadas coa actividade da Escola, os distintos eventos que organiza e a xestión dos cursos e seminarios formativos, así como os premios e bolsas que convoca a institución.

O apartado de publicacións posúe un especial interese para a consulta documental, e nel están a dispor do usuario os últimos traballos, monografías, informes e memorias elaborados pola EGAP, como estudios sobre as conurbacións galegas, o decoro urbanístico, a relación entre o urbanismo e o territorio ou o plano de investigación para detectar as necesidades formativas dos empregados públicos da Comunidade Autónoma. Na súa apertura á rede, o portal tamén permite a consulta gratuíta do primeiro número da revista da Escola.

Gabinete de Comunicación da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia