Skip to main content

A Secretaría Xeral de Comunicación organiza o ciclo Chano Piñeiro no marco de Cineuropa

A iniciativa institucional que ven de poñer en marcha o galardón Chano Piñeiro do Audiovisual Galego presenta no marco de Cineuropa unha mostra do cine de producción galega estreado ao longo de 2006. As cinco películas que compoñen esta selección proxéctanse na Aula Socio Cultural de Caixa Galicia (rúa Carreira do Conde, 18, Santiago de Compostela) a partir do día 23 de novembro.

Con elas preténdese facer balance do audiovisual galego de 2006 mostrando a diversidade da súa producción e poñendo de releve o salto cuantitativo experimentado desde 1989, ano no que Chano Piñeiro conseguiu poñer en pé a súa longametraxe Sempre Xonxa logo de moitas dificultades.

As longametraxes que forman parte desta selección son as seguintes: Os aires difíciles de Gerardo Herrero, gañadora no Festival de Málaga e baseada na novela de Almudena Grandes; a coproducción europea Cargo de Clive Gordon, participante no certame de Sundance, e protagonizada por Peter Mullan, Daniel Brulh e Luis Tosar; Días azuis de Miguel Santesmases, protagonizada polo último gañador do Goya de interpretación masculina, Óscar Jaenada e rodada na comarca de Ferrolterra; Promedio rojo de Nicolás López, coprodución con Chile que estivo nos festivais de Toronto, Os Ánxeles, Viña del Mar, Sitges ou Mar del Plata, onde obtivo un gran éxito.

Completa o programa a comedia agridoce Un franco, catorce pesetas de Carlos Iglesias, que con case 300.000 espectadores converteuse nunha das grandes sorpresas do cine español deste ano logo de acadar o premio do público no Festival de Málaga e participar no de Locarno. Das outras dúas películas galegas estreadas este ano, La casa de mi abuela, xa foi exhibida en Cineuropa na súa edición de 2005, e Siempre Habana, aínda está en cartel nas salas comerciais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia