Skip to main content

O Goberno galego aproba un decreto que permitirá aos enfermos de longa duración e crónicos dispoñer de receitas médicas para tres meses

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou na rolda de prensa posterior ao Consello os acordos acadados hoxe en referencia á política sanitaria. Neste sentido, destacou a aprobación do decreto de modificación da homologación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica. Este novo regulamento, que segundo explicou o xefe do Executivo autonómico, “é un avance no que será no seu día a receita electrónica” permitirá mellorar a prestación da asistencia sanitaria, dar facilidade no acceso á asistencia e, por outra parte, eliminar trabas democráticas.

Tal e como argumentou o máximo mandatario da Xunta, a partir de agora establécese que, para aqueles enfermos sometidos a tratamentos de longa duración e crónicos e polo tanto necesitados dun tratamento, o facultativo médico teña a capacidade de estender ás receitas para un máximo de tres meses nun só acto. Deste xeito, destacou Touriño, estase “evitando que o paciente dependente dese tratamento teña que ir ao médico cada vez que necesita esa receita”.

No eido sanitario, destacou tamén o presidente galego o investimento dun millón de euros que a Xunta vai realizar, a través da Consellería de Sanidade e a Secretaría Xeral de Emigración, para garantir a prestación sanitaria e farmacolóxica entre a cidadanía galega residente en Venezuela nos casos de falta de cobertura real da asistencia sanitaria ou farmacolóxica. Esta axuda enmárcase no convenio de colaboración dentro da Fundación España-Saúde e trátase de achegas que se realizarán este ano e no que vén. Tamén se recollen axudas para instalacións sanitarias.

O presidente da Xunta lembrou que no caso de Venezuela danse diferenzas con respecto á estrutura existente nos países arxentino e uruguaio. Pérez Touriño explicou que, no pais venezolano estanse a dar algúns problemas cunha parte da poboación galega alí radicada. Por iso, subliñou, desde a Xunta estanse a desenvolver actuacións que permitan que os residentes galegos en Venezuela teñan garantida a cobertura xa sexa no eido sanitario como no farmacolóxico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia