Skip to main content

Pesca modificará un artigo do decreto que regula os permex por entender que discrimina ás mulleres

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presentou hoxe no seno do Consello Galego de Pesca un resumo dos orzamentos para o 2007, nos que avanzou as actuacións máis importantes que levará a cabo o seu
departamento e para as que conta cunha partida que supera os 228 millóns de euros, o que supón un aumento do 4,84% con respecto ao presuposto deste ano. Carmen Gallego explicou aos membros do Consello que si ben no vindeiro ano redúcese a aportación de fondos comunitarios, sí hai un aumento de fondos propios; de feito destacou que a Consellería de Pesca foi o departamento que experimentou o maior crecemento de toda a Xunta.

Os investimentos en modernización e renovación do secctor acuícola galego (60 millóns de euros) e o orzamento destinado á modernización das industrias de transformación e comercialización (máis de 58 millóns de euros) foron dúas das liñas de acción que explicou pormenorizadamente.

Tamén abordou as partidas destinadas á mellora da competitividade, a apertura de novos mercados, o plan integral de formación marítimo ou as medidas socioeconómicas. Neste último apartado,a responsable do departamento de Pesca falou das medidas que comezaron o pasado ano con
estudos previos e que se porán en marcha no 2007 como é o Seguro do Mal Tempo ou a ampliación do Seguro Colectivo do Mar aos traballadores inmigrantes.

Ademais, adiantou a posta en marcha dun Plan de Pensións para as mariscadoras, para o que se convocará este mes de decembro un concurso aberto a todas as aseguradoras co obxectivo de que, unha vez se adxudique, se publique unha orde de axudas destinado a este colectivo para incentivalo a suscribirse a el.

Por outra banda, Carmen Gallego Calvar propuxo no Consello un informe para modificar o decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé, supeditando a súa obtención ao cumprimento de determinados requisitos. Deste xeito, o apartado “b” do
devandito decreto impide ás mariscadoras casadas en réxime de bens ganaciais con bateeiros poder aceder a esta licencia (o permex) imprescindible para a práctica do seu traballo. A Conselleira de Pesca sinalou que a modificación presentada hoxe aos membros do Consello Galego de Pesca supón acabar cunha clara discriminación que existe cara as mulleres en función de cal sexa a profesión ou actividade económica que teñan os seus cónxuxes.

Os membros do Consello teñen agora un prazo de dez días para presentar as alegacións que consideren oportunas a esta modificación proposta por Pesca.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia