Skip to main content

Máis de 70 profesionais participan no II Encontro sobre a economía e xestión das emerxencias que clausura Méndez Romeu

Celébrase na EGAP o II Encontro sobre a Economía e Xestión das Emerxencias organizado pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Durante a sesión os distintos grupos de traballo, dispostos en 6 relatorios simultáneos, trataron aspectos fundamentais relativos á resposta integral que require actualmente a cidadanía por parte das institucións para cubrir rápida e adecuadamente os sinistros, as catástrofes e as emerxencias.

Entre os temas que se trataron hai que salientar o debate en torno a existencia do mando único nos plans de emerxencias, que segundo se explicou no relatorio require a coordinación de todas as competencias dos servizos de emerxencias para garantir a eficacia na resposta. Outra cuestión obxecto de reflexión foi a importancia na prestación dos servizos de bombeiros nos concellos apuntando aos consorcios provinciais como as estruturas máis operativas e económicas para prestar estes servizos. Asemade, destacou tamén o estudio da resposta integral que hoxe esixe a sociedade moderna para cubrir axeitadamente os sinistros.

Doutra banda, as sesións tamén serviron para que os participantes reflexionasen sobre os sistemas de declaración dos niveis I e II nos incendios forestais, os avances realizados nos plans de predición e vixilancia de meteoroloxía adversa e a coordinación na intervención dos medios externos ás comunidades autónomas nunha grande emerxencia.

Os diferentes grupos de traballo estiveron formados por profesionais de distintas comunidades autónomas do Estado (Galicia, Andalucía, Cantabria, Navarra, Valencia e Madrid) así como por expertos das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural. Esta tarde continúan os relatorios para tratar sobre o papel das agrupacións de voluntarios e as súas actuacións nas grandes emerxencias, así como a súa coordinación cos servizos profesionais de emerxencias. A clausura do encontro corre a cargo do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia