Skip to main content

CRTVG e Fundación Deporte Galego traballarán conxuntamente na promoción do deporte

A Fundación Deporte Galego e a CRTVG asinaron un acordo de colaboración para o desenvolvemento de accións de fomento e promoción da práctica deportiva.

A conselleira de Cultura e Deporte e presidenta do Padroado da Fundación, Ánxela Bugallo, e Benigno Sánchez, escenificaron a sinatura deste un convenio marco de colaboración entre a Fundación e a CRTVG. Ademais, ao abeiro deste convenio, asinouse un acordo explícito entre a Fundación e a Televisión de Galicia para a retransmisión do partido que a Selección Galega de Fútbol xoga en Riazor o 28 de decembro fronte a Ecuador.

A Conselleira destacou que “este acordo non ten só a misión de retransmitir deporte, senón de enmarcar traballo e futuras actividades conxuntas”.

A CRTVG adquire a través deste convenio os dereitos de retransmisión do partido da selección para todo o mundo. Neste senso, Ánxela Bugallo resaltou “a importancia de que chegue a todo o mundo, pois os emigrantes galegos que están espallados por todo o mundo deben ter tamén a oportunidade de gozar da súa selección”.

Benigno Sánchez afirmou que este acordo “dá conta da natureza dos medios públicos galegos, que deben estar ao servizo público”. O director da CRTVG destacou tamén que “os medios públicos deben ter contidos de proximidade, deben estar pegados á realidade do seu país, e este convenio é un exemplo diso”.

Vindeiras colaboracións

Na súa intervención, Ánxela Bugallo adiantou que esta colaboración non se limita á retransmisión do partido da selección, senón que “será o marco para que os deportes que normalmente non acceden maioritariamente aos medios de comunicación, teñan o seu espazo”. Nese senso, poñeranse en marcha unha segunda medida, que será o patrocinio do programa “A Xornada do Deporte Galego”, na que se lle dea cabida a outras modalidades deportivas ou a encontros de categorías inferiores.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia