Skip to main content

Vicepresidencia galardoa á Asociación Liberanza e á Rede de Mulleres Vecinais contra os Malos Tratos polo seu labor contra a violencia de xénero

A Asociación de Promoción da Muller Liberanza de Santiago e a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo foron galardoadas co premio Eu tamén navegar: para unha Galiza sen violencia de xénero. O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, fixéronlles entrega en Compostela desta distinción que outorga por vez primeira a Vicepresidencia da Xunta e coa que se pretende estimular esforzos e recoñecer as traxectorias de persoas ou entidades que teñen contribuído a previr, denunciar ou combater estas situacións, desenvolvendo un labor relevante no ámbito da loita contra esta lacra social.

Durante o acto de entrega do premio, que tivo lugar con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o vicepresidente destacou “o labor fundamental destas entidades para que moitas mulleres teñan recuperado a liberdade e a dignidade que lles arrebataron, a ilusión, a autoestima e as gañas de vivir e de sorrir novamente”. Quintana lembrou que o lema da campaña posta en marcha pola Vicepresidencia este ano quere precisamente concienciar á sociedade de que é posible rachar coa espiral da violencia de xénero. Neste senso, eloxiou ás entidades galardonadas “por representar a todas esas asociacións e persoas que día a día fan posíbel que moitas mulleres poidan fuxir do inferno que era a súa vida para comezar de novo”.

Para o vicepresidente, “cada caso de violencia de xénero constitúe un motivo de vergonza para a sociedade na que se produce”, e lembrou que este ano xa son 61 as mulleres asasinadas no Estado. Anxo Quintana asumiu a responsabilidade das administracións de “arbitrar todos os mecanismos para que as mulleres poidan optar por acabar coa situación de violencia, proporcionándolles o apio e os recursos para que sexan libres de tomar a decisión e denunciar aos seus agresores”. Neste cometido, considerou fundamental o apoio das entidades que traballan neste eido, “actuando como mediadoras, acompañantes e informadoras da prevención contra a violencia de xénero coa sensibilidade e a proximidade que proporciona ter padecido, en moitos casos, experiencias persoais de malos tratos”.

Pola igualdade

Na súa intervención, Anxo Quintana dixo que este premio e a campaña posta en marcha con motivo do 25 de Novembro se enmarcan dentro da liña de actuacións que se están a desenvolver dende a Vicepresidencia para acabar coa violencia de xénero. Destacou que no ano 2006 se teñen destinado 40 millóns de euros para políticas de Igualdade, e que no 2007 se aumentará este orzamento ata a “cifra histórica” dos 50 millóns de euros.

O vicepresidente lembrou a posta en marcha do Salario da Liberdade, que dende o pasado mes de marzo ten permitido que 230 mulleres lograran a autonomía económica que lles permitiu abandonar aos seus maltratadores. Outra das actuacións recentemente anunciadas é a creación en Santiago de Compostela do Centro de Recuperación Integral para as mulleres que sofren violencia, que completará a atención que prestan as casas de acollida.

Anxo Quintana tamén aludiu ao Acordo Interinstitucional para a Mellora na Atención ás Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, asinado por varios departamentos da Xunta de Galicia, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Delegación do Goberno e a Fegamp. Por outra parte, fixo mención á futura Lei para a prevención e tratamento da violencia de xénero, á que neste momento se están a incorporar as achegas de numerosas entidades que quixeron facer as súas aportacións. Quintana, recalcou a importancia da achega destas entidades e animounas a seguir colaborando “para facer desta norma un instrumento verdadeiramente eficaz contra a lacra da violencia machista”.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia