Skip to main content

A lingua e a cultura galegas achéganse a Oriente Próximo grazas á Biblioteca Álvaro Cunqueiro que se inaugura en Damasco

A lingua e a cultura galegas daranse a coñecer en Oriente Próximo grazas á posta en marcha da biblioteca Álvaro Cunqueiro na sede que o Instituto Cervantes ten en Damasco. Esta iniciativa conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística que, en virtude do convenio de colaboración que mantén co Cervantes dotou á biblioteca da obra completa do escritor mindoniense.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, está na capital siria para asistir aos actos organizados con motivo da nominación da biblioteca Álvaro Cunqueiro, que inclúen unha conferencia pronunciada polo director do Cervantes, César Antonio Molina. Ademais, celebrarase un encontro cun grupo de intelectuais sirios e celebrarase unha mesa redonda sobre a vida e a obra de Cunqueiro. Nela, ademais da secretaria xeral de Política Lingüística, intervirán o tradutor ao árabe de Se o vello Sinbad volvese ás illas, Elarbi El-Harti, o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, o escritor Miguel Anxo Fernán Vello e o director do Cervantes, César Antonio Molina.

O martes, 28 de novembro continúa o programa de actividades previsto con motivo da nominación da biblioteca coa celebración doutra mesa redonda na que Freixanes e Fernán Vello farán unha aproximación á literatura galega actual.

Paralelamente a estes actos, inaugurarase unha exposición na sede do Instituto Cervantes en Damasco con debuxos de Xosé Freixanes. Leva por título ‘Ao fin do amencer”.

O embaixador de España en Siria, Juan Serrat Cuenca-Romero, e a vicepresidenta para Asuntos Culturais de Siria, Nayah El Attar, entre outras autoridades, asisten a estes actos.
Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística de la Xunta de Galicia