Skip to main content

Pesca chega a un acordo coas confrarías da Ría de Ferrol afectadas por Zona C

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos chegou a un acordo coas confrarías de Ferrol afectadas por zonas C polo cal os mariscadores destes dous pósitos
percibirán ata 82 euros por día traballado nos meses de decembro e xaneiro. Este pagamento, que será quincenal, faise en base a traballos de saneamento e rexeneración dos bancos marisqueiros e intenta paliar a situación xerada na ría ferrolá pola clasificación como zona C dalgúns dos seus bancos marisqueiros máis importantes.

Segundo a proposta aceptada tanto polas confrarías como polos
representantes de UGT, CIG e CC OO, a compensación a cada mariscador a
flote será de 82 euros ao día, cun máximo de 22 días por mes, para
decembro e xaneiro. Mentres que a compensación por cada mariscador a pé
será tamén de 82 euros por mes natural, cun máximo de 10 días por mes.

Para poder ser beneficiarios deste salario, os mariscadores deben estar en
posesión do permiso de explotación de marisqueo a pé ou a flote en vigor,
ou estar debidamente enrolados nunha embarcación dende antes do mes de
outubro de 2006.

Polo que respecta ás confrarías de pescadores, ás que se lles encomendará
o control e seguimento dos traballos a realizar, percibirá polos mesmos a
porcentaxe que viña cobrando ata agora en concepto de comisión de
primeira venda en lonxa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia