Skip to main content

A provincia da Coruña é a que presenta unha maior variedade de áreas de emprego con ocupabilidade alta, seguida de Lugo

A provincia da Coruña é a que presenta unha maior variedade de áreas de emprego que contan cunha taxa de ocupabilidade alta, seguida da provincia de Lugo. Se facemos unha comparación entre as comarcas lideradas polas sete cidades de Galicia, podemos comprobar que o motor das súas contratacións de traballadores é o sector da hostalería, xa que en todas elas os postos de traballo que rexistran máis ocupación son os de camareiros, barmans e similares, así como os de cociñeiro e outros preparadores de comida, dentro dos prioritarios. En menor medida, pero tamén con postos destacados, figura nestas sete cidades o sector servizos, no que aparecen con frecuencia as profesións de taxista, condutor de automóbiles e furgonetas, peóns de transporte e descargadores dentro dos grupos ocupacionais que resaltan polos seus resultados.

Estes datos forman parte das conclusións do estudo sobre Saídas Profesionais Comarcais elaborado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, a través do Instituto Galego das Cualificacións. Este departamento, dirixido por Pastor Fuenteseca, desenvolveu ao longo de 2006 unha exhaustiva análise das ofertas de traballo da cada municipio e de cada concello, fundamentado nos datos recadados o ano anterior. A finalidade última deste proceso é desenvolver as prioridades de formación comarcais, é dicir, o establecemento dos cursos de formación ocupacional que son precisos en cada concello para satisfacer a demanda de traballadores por parte das empresas existentes aproveitando a bolsa de desempregados coa que se conta.

Con este obxectivo, o estudo Saídas Profesionais Comarcais analiza os parámetros do tecido produtivo e de contratación que permiten determinar as profesións que presentan ocupabilidade laboral alta, media ou baixa, en función da súa capacidade de absorción de demandantes de emprego. O estudo tamén tivo en conta as modalidades de contratación, dado o interese da Consellería de Traballo de difundir os beneficios da contratación indefinida. Por iso, foi verificada a porcentaxe de contratados indefinidos con respecto ao número de contratados, así como taxa de rotación por persoa, que mide o número de contratos temporais de cada traballador temporal ao longo do ano.

O estudo prestou ademais atención ás ocupacións que presentan un crecemento sostido no tempo. Nestes casos, o sistema de avaliación establecido ten en conta as perspectivas de futuro á hora de establecer o seu índice de ocupabilidade.

Grupos ocupacionais

Este traballo da Dirección Xeral de Formación e Colocación ten en conta 19 ámbitos de emprego, clasificados en catro grandes grupos: servizos da vida diaria (servizos a domicilio, atención á infancia, novas tecnoloxías da información e comunicación, axudas a mozos e mozas con dificultades de inserción); servizos para a mellora da calidade de vida (mellora da vivenda, seguridade, transportes colectivos locais, aproveitamento dos espazos públicos urbanos, comercios, xestión de enerxía); servizos culturais e de ocio (turismo, sector audiovisual, patrimonio cultural, desenvolvemento cultural local, deporte); e servizos do medio natural (tratamento de residuos, xestión da auga, protección e mantemento das zonas naturais, regulación e control da contaminación).

Grupos ocupacionais con maior ocupabilidade por sectores económicos

A provincia da Coruña é a que mostra unha maior variedade de grupos ocupacionais con ocupabilidade laboral alta e media, seguida da provincia luguesa. Aínda que na primeira podería xustificarse, en parte, polo volume de comarcas que contén (18), o certo é que no caso de Lugo poderíamos falar dunha certa dispersión contractual, circunstancia que se acentúa en Pontevedra e, sobre todo, en Ourense.

O sector primario destaca en termos xerais por unha maior contratación en grupos non cualificados, xa que se concentra especialmente en peóns agrícolas e forestais. Cómpre salientar o caso de Lugo, onde non destaca tan claramente ningún dos grupos ocupacionais e, de facelo, habería que remarcar o grupo de cortadores, tronzadores e outros traballadores forestais, o que implica unha contratación algo máis especializada.

A industria aparece cunha representación menor e diferenciada no caso de Ourense, onde habería que destacar tamén o grupo de tronzadores, labrantes e gravadores de pedra, fronte aos grupos ocupacionais máis destacados no resto de Galicia: carpinteiros (agás carpinteiros de estruturas metálicas) e peóns das industrias manufactureiras.

No que repecta á construción, a provincia con resultados máis discretos é a de Lugo, na que só se atopa certa reiteración no grupo xeral de albaneis e canteiros, grupo máis recorrente tamén no resto de Galicia. No caso da Coruña, proliferan tamén os traballadores en formigón armado, enfuscadores, ferrallistas e asimilados, xunto co grupo de pintores, vernizadores, empapeladores e asimilados.

Por último, o sector servizos é o que presenta uns resultados máis variados, ao facer referencia a múltiples actividades económicas. Non obstante, atópase unha coincidencia xeralizada nos dous grupos máis recorrentes: camareiros, barmans e asimilados, así como no de condutores de camións. Como nota diferenciadora, hai que destacar en Ourense o grupo de bombeiros, que inclúe os traballadores dos reténs forestais, dentro dos prioritarios.

Grupos ocupacionais con ocupabilidade laboral moi baixa

O grupo profesional de empregados administrativos en xeral (taquígrafos e mecanógrafos) é o que aparece con peores resultados no conxunto de Galicia. Os resultados son especialmente relevantes na Coruña e Ourense, onde a maioría das comarcas contan con este grupo como de moi baixa ocupabilidade.

Na provincia da Coruña figuran tamén os operadores de máquina de coser e bordar, reflectíndose fortes caídas contractuais e decrecementos sostidos que provocan unha mala valoración deste grupo ocupacional. Nesta situación ten unha importante incidencia a aparición de nova maquinaria nas diferentes fases do proceso produtivo téxtil, que provoca cambios no desenvolvemento da produción. A maquinaria é cada vez máis específica e con alto grao de informatización, o que require de formar ao traballador.

Grupos ocupacionais con crecemento contractual sostido

A análise dos grupos ocupacionais que aumentan o seu número de contratados durante todo o período conduce claramente a destacar o subsector da hostalería, onde os camareiros, barmans e asimilados acadan a consideración de grupo ocupacional en progresión en distintas comarcas galegas, aínda que especialmente na Coruña e Pontevedra.

Outros grupos que destacan, aínda que de xeito moito menos xeralizado, son os de asistentes domiciliarios; dependentes e exhibidores en tendas, almacéns quioscos e mercados; traballadores en formigón, enfuscadores, ferrallistas e asimilados; condutores de camións (na Coruña en Lugo); e cociñeiros e outros preparadores de comida (Lugo e Pontevedra).

Implantación dos novos filóns de emprego

Os novos filóns de emprego máis implantados no conxunto de Galicia son os de servizos a domicilio e de protección e mantemento das zonas naturais. Como característica na súa distribución, cómpre indicar que os primeiros destacan en maior medida na provincia de Lugo, mentres que a protección e mantemento das zonas naturais teñen maior prsenza na Coruña e Ourense.

Grupos ocupacionais con maior temporalidade

O grupo ocupacional de persoal de limpeza de oficinas, hoteis (camareiras de pisos) e establecementos similares presenta un grao de temporalidae moi alto, que podemos apreciar na maioría das comarcas galegas, independentemente da provicia.

Na Coruña destacan, pola súa temporalidade, traballos de peonaxe, considerados como non cualificados: peóns da industria manufactureira e peóns de transporte e descargadores. Especificamente, tamén hai que destacar o alto grao de temporalidade no grupo ocupacional de operadores de máquina de coser e bordar, que como xa se mencionou rexistrou unha forte caída contractual nos últimos cinco anos nesta provincia.

En Lugo debemos facer referencia á forte temporalidade do sector sanitario, sector fortemente implantado nesta provincia pola súa presenza contractual. Esta temporalidade aparece moi acusada tanto en enfermeiros como no grupo doutros empregados no coidado das persoas (como celadores sanitarios). O grupo de auxiliares de enfermería hospitalaria tamén aparece salientado, circunstancia semellante á descrita na provincia de Ourense, onde este grupo tamén presenta unha forte temporalidade.

Por último, en Pontevedra atopamos unha acusada temporalidade no grupo de peóns do transporte e descargadores (coincidindo con A Coruña). Tamén está presente no sector da hostalería: cociñeiros e outros preparadores de comida, así como con camareiros e barmans.

Breve comparativa das sete cidades

Con respecto á análise nas sete grandes comarcas de Galicia, podemos destacar que a de Santiago é a única que non ten ningún grupo ocupacional catalogado con baixa ocupabilidade. A situación é oposta na comarca de Vigo, que presenta tres grupos ocupacionais claramente pouco recomendables segundo a análise realizada. O grupo de auxiliar de enfermería hospitalaria é o grupo de moi baixa ocupabilidade máis recorrente nas sete comarcas consideradas.

Polo que respecta ao crecemento sostido, cómpre indicar que os camareiros, barmans e asimilados destacan nas comarcas das tres cidades coruñesas, xunto coas de Pontevedra e Vigo e tamén a de Lugo. Trátase dunha circunstancia que incide na importancia do sector na provincia, a pesar do alto índice de temporalidade que presenta. Tamén destacan as contratacións en constante crecemento de traballadores en formigón, enfuscadores e ferrallistas nas comarcas de Ourense, Pontevedra e Santiago.

En canto á temporalidade, as cidades galegas con maior número de grupos ocupacionais afectados por temporalidade máis ou menos acusada son a da Coruña (que destaca claramente por enriba das outras), Santiago e Vigo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia