Skip to main content

Pérez Touriño destaca a relevancia da empresa familiar para o desenvolvemento de Galicia e sinala os beneficios fiscais postos en marcha polo seu Goberno a prol deste sector

Emilio Pérez Touriño destacou a relevancia que para a economía de Galicia posúen as empresas familiares no decurso da entrega do premio da Asociación Galega da Empresa Familiar a Hijos de Rivera S.A. En Vigo, no decurso do acto, Touriño destacou os beneficios fiscais postos en marcha polo Executivo que preside e que favorecen a este tipo de empresas, tales como a próxima concesión de subvencións de ata o 50 por cento por parte da Xunta aos custes externos para elaboración dos plans e protocolos de sucesión de empresas familiares. Estas axudas enmárcanse dentro do Plan de Consolidación e Competitividade da PEME posto en marcha polo IGAPE.

Paralelamente, a Xunta concederá axudas para a realización de diagnósticos empresariais por consultores independentes, que no caso das empresas familiares, ascenderán ata o 90 por cento do custe.

Ademais, o presidente galego tales sinalou que a Xunta está a estudar as reducións persoais no grupo II do imposto de sucesións e referiuse a redución de ata o 95 por cento da base impoñible das doazóns de diñeiro recibido por fillos e descendentes que se destine á adquisición de primeira vivenda, se o donatario é menor de 35 anos.

Así mesmo, o presidente galego referiuse a outras medidas fiscais que beneficiarán a este colectivo e que se inclúen nos orzamentos para o ano que vén, cuxo debate a totalidade tivo lugar hoxe no Parlamento de Galicia. Neste sentido, indicou que se aplicará unha redución de tres puntos no gravame nas adquisicións de vivenda habitual por parte de discapacitados cunha minusvalía igual ou maior ao 65 por cento.

Relevancia en Galicia da empresa familiar

Pérez Touriño resaltou no acto de concesión do premio a relevancia que ten a empresa familiar no entramado produtivo galego, xa que un grande número de empresas con esta estrutura teñen conseguido iniciar traxectorias exitosas construídas co firme compromiso co seu traballo e esforzo. Neste sentido, o presidente galego afirmou que desde a Xunta recoñécese a achega imprescindible deste tipo de empresas para a consecución de maiores índices de crecemento económico e para o impulso na creación de emprego.

Por este motivo, tal e como destacou o presidente da Xunta, o Goberno galego está a articular políticas en beneficio deste colectivo que estean dirixidas a xerar os incentivos e o escenario axeitado para que as empresas familiares poidan desenvolver os seus proxectos e competir nas mellores condicións posibles. Así, Touriño animou aos empresarios congregados en Vigo a aproveitar o novo escenario deseñado pola Xunta neste sentido co fin de acadar unha Galicia máis forte e competitiva economicamente.

Tamén se referiu o máximo mandatario galego ao labor da Asociación Galega de Empresa Familiar que ten sabido transmitir á sociedade a relevancia das súas empresas na xeración de riqueza e emprego e que ten contribuído ao desenvolvemento de Galicia promovendo iniciativas concretas como a creación das Cátedras de Empresa Familiar en cada unha das universidades galegas.

Traxectoria de Hijos de Rivera S.A.

Finalmente, Pérez Touriño eloxiou á empresa Hijos de Rivera S.A., que neste ano celebra o seu centenario e en quen recaeu o premio concedido pola Asociación Galega de Empresa Familiar, por ter sabido combinar un proceso de expansión e diversificación mantendo o seu carácter de empresa familiar. De feito, tal e como resaltou o presidente da Xunta, a cuarta xeración da familia xa se incorporou plenamente á dirección da empresa. En opinión de Touriño, Hijos de Rivera S.A. pode tomarse como mostra do que supón un camiño de éxito neste tipo de empresas. De feito, segundo concluíu o presidente da Xunta, esta empresa é na actualidade unha das máis relevantes e puxantes de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia