Skip to main content

Galicia estará presente no Festival do Mar de Brest 2008 por primeira vez

O luns día 4 de decembro a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asina un convenio coa Asociación Brest 2008 polo cal Galicia será país connvidado na Festa do Mar e dos Mariñeiros que se celebrará en Brest no verán do 2008 (11 ao 17 de xullo 2008).

A delegación galega que se despraza a París para asinar dito convenio entrega aos representantes de Brest 2008 o libro “Galicia Navega-Saída da Volta ao Mundo a Vela 2005/06”, que se realizou para conmemorar este evento no que participaron centos de miles de galegos e galegas.

Santiago Domínguez afirmou que se trata “dunha homenaxe a todos eses galegos e galegas que se entregaron de forma excepcional coa saída da Volta ao Mundo a Vela e que demostraron unha vez máis a importancia que o mundo da vela ten no noso país”. Este documento será a partir de agora o obsequio que a Dirección Xeral para o Deporte entregue aos seus convidados ou ben nos actos oficiais aos que asista, tal e como sucederá o vindeiro luns. O director xeral para o Deporte cualificou o libro como “unha gran xoia realizada por un fotógrafo vigués que, ademais, foi un grande atleta de obstáculos nos anos 80”.

No libro sobre a saída da Volta ao Mundo a Vela, ademais da cámara excepcional de Guillermo González, un fotografo vigués que soubo reflectir en imaxes todo o que viviu Vigo naqueles días, participaron tamén coas súas verbas Fernando Echávarri (galego que participou na Volta ao Mundo a Vela), e os xornalistas David Acevedo, Juan Carlos Álvarez, Ana Guantes, Raquel Gandoy, Alberto Ovenza e José Luis Pando, que viviron en primeira liña este evento mundial, que levou o nome de Galicia ao resto do mundo. Con este libro péchase o programa Galicia Navega, que se creou para desenvolver esta acción, e cuxo padroado celebrará a súa última reunión nas próximas semanas.

BREST. O día 4 asinarase ese convenio co que frutifican as negociacións que precisamente comezaron coa saída da Volta ao Mundo a Vela dende Vigo. Representantes de Brest acudiron ao noso país para contemplar esta saída e quedaron fascinados tanto coa resposta da cidadanía como coas nosas condicións innatas para o desenvolvemento de actividades náuticas.

Por este motivo, e por primeira vez na historia, invitaron a Galicia a participar na Festa do Mar e dos Mariñeiros que se celebra cada catro anos en Brest e que reúne a milleiros de persoas de toda Europa nesta fermosa localidade da bretaña francesa. Este evento ten por obxecto amosar a riqueza e a diversidade das distintas tradicións e culturas dos países e rexións marítimas de Europa e de forma particular no que se refire á práctica da vela a bordo dos barcos tradicionais.

Desta forma, a Dirección Xeral para o Deporte considerou importante estar presente neste festival nesa aposta para mellorar o sector da náutica galega, que ten unha enorme potencialidade no noso país polas nosas condicións naturais e que podería converterse nun dos motores económicos de Galiza. Así, a través deste convenio, a Fundación Deporte Galego encargarase de organizar a presenza galega en Brest 2008 e realizará o “Village Galicia” de Brest 2008 de acordo coa temática da identidade marítima galega, as súas tradicións e a súa cultura, así como tamén da súa realidade actual.

Coa Fundación Deporte Galego colaborará tamén a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e Turgalicia. A xornada oficial de Galicia queda fixada para o martes 16 de xullo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia