Skip to main content

A Coruña será escala en 2007 da Regata La Solitaire Afflelou Le Figaro grazas ao apoio de Innovación e Industria

O apoio do Goberno Galego, a través da Consellaría de Innovación e Industria, fixo posible que a regata “La Solitaire Afflelou Le Figaro”, unha das probas máis importantes do calendario internacional de vela, faga escala en Galiza –máis concretamente en A Coruña– no verán do vindeiro ano.

Trátase dunha regata por etapas de navegantes en solitario e con embarcacións monotipo, que se desenvolve no Atlántico, entre Francia, a Península Ibérica e as Illas Británicas. Empezou a celebrarse en 1970 e actualmente está organizada polo prestixioso diario galo Le Figaro. A proba consta de catro etapas con saída e chegada final en Francia e con tres escalas, dúas delas fora do país galo (neste caso A Coruña vai ser unha delas). O gañador é o barco que faga o percorrido en menos tempo.

Presentación

O director xeral de Turismo, Rubén Lois González, estará presente na presentación oficial deste evento en París, acto presidido polos máximos responsables –presidente e director xeral– do Grupo Figaro. Lois González terá a oportunidade de intervir neste evento para promocionar o turismo náutico no noso país. Explicará que esta regata representa para Galiza unha magnífica oportunidade para reforzar a súa posición como destino náutico no ámbito internacional, continuando coa estela de acontecementos tan importantes como a Volvo Ocean Race, que saíu dende o noso país en novembro do pasado ano. Xunto co respaldo do Goberno Galego, a organización da escala en A Coruña desta proba náutica internacional contará coa colaboración do Concello e a Autoridade Portuaria da cidade herculina.

A regata “La Solitaire Afflelou Le Figaro” acadará en 2007 a súa edición número 38. O pasado ano, a escala na península foi en Santander. Dende 1970 participaron nesta proba preto de cincocentos skippers e a regata fixo escala en 46 cidades europeas. Na organización da proba traballan en torno a 80 persoas repartidas en 15 servizos (dirección de organización, dirección de regata, prensa, loxística, etc.), e tres barcos da organización escoltan á flota, polo que o paso por A Coruña representará tamén un acicate para a oferta aloxativa e turística da urbe, ademais de ter un importante impacto mediático, tanto na prensa especializada como na de información xeral, en especial en Francia polo eco de Le Figaro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia