Skip to main content

Traballo destina preto de 250.000 euros a proxectos de mobilidade fronteiriza de traballadores e empresarios

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinou un convenio de colaboración entre o seu departamento e as once entidades que forman o Eures Transfronteirizo (Servizo Europeo de Emprego) Galicia-Norte de Portugal, coa finalidade de dar resposta ás necesidades de información relativas á mobilidade fronteiriza de traballadores e empresarios.

Segundo se recolle no texto asinado, o obxecto destes convenios, de carácter plurianual, é desenvolver actividades de difusión e información do Eures, coa finalidade de dar resposta a todas aquelas necesidades e carencias de información que fagan referencia á mobilidade fronteiriza. Así, Traballo distribuirá case 250.000 euros para a posta en marcha das actividades proxectadas polos once membros desta rede Eures.

As once entidades coas que se subscribiron estes acordos son a Asociación Empresarial do Alto Támega, Confederacións Empresariais de Pontevedra e Ourense, Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal, a Universidade do Minho, a Asociación Empresarial de Viana do Castelo, a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Universidade de Vigo, a Asociación Industrial do Miño, a Comunidade Intermunicipal do Vale do Minho e a Unión Empresarial Vale do Minho.

A finalidade destas iniciativas é apoiar o desenvolvemento dos obxectivos básicos cos que se constituíu este Servizo Europeo de Emprego (Eures) transfronteirizo, é dicir, facilitar o acceso á información sobre ofertas e demandas de emprego na área transfronteiriza, asesorar sobre a lexislación de ambos países en materia laboral, proporcionar elementos informativos sobre condicións de vida e de traballo a ambos lados da fronteira, e orientar en materia de formación e prácticas profesionais nesta eurorrexión.

Durante o bienio 2006/2007, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, é a entidade xestora da Rede Eures Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, polo que unha das súas funcións é xestionar a distribución dos fondos financeiros entre os respectivos socios.

Contribuír ao desenvolvemento de proxectos dirixidos a mellorar o mercado de traballo na rexión transfronteiriza, incluída a cooperación con outros programas, é outro dos obxectivos do Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.

A Consellería de Traballo, a través da dirección xeral de Formación e Colocación, é a responsable de levar a cabo as accións de intermediación no mercado de traballo, e en concreto, as relativas á inscrición e rexistro de demandantes de emprego e das ofertas de traballo; o rexistro de contratos; autorización de axencias de colocación e Rede Eures.

Segundo destacou o conselleiro de Traballo, para a consecución destes obxectivos, anualmente, elaborarase un Plan de Actividades conxunto no que se recollen as principais accións que hai que desenvolver para facilitar e promover a mobilidade transfronteiriza dos traballadores, demandantes de emprego, estudiantes universitarios, empresarios e empregadores de ambos lados da fronteira.

Accións de formación e estudos en sectores estratéxicos

Nese senso, o responsable de Traballo e da Rede Eures destacou que no bienio 2006/2007 se desenvolverán accións de Formación e cadros sindicais en materias específicas de mobilidade transfronteiriza, en particular sobre a contratación, Seguridade Social e prevención de riscos laborais. Asemade, farase unha análise comparativa da estrutura salarial transfronteiriza en sectores estratéxicos (automoción, construción civil, sector sanitario, comercio e hostalería), e establecerase un Observatorio do Emprego na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, así como na Organización do IV Encontro Empresarial Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal para “analizar o potencial de creación de empresas no ámbito transfronteirizo”.

Segundo destacou Varela, o desenvolvemento destas actividades “contribuirá á creación dun mercado de emprego único e complementario na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal e á existencia dunha verdadeira cultura da mobilidade entre ambas rexións”.

Deste xeito, “limaranse as aristas e disfuncións que poidan existir entre ambos estados, creando unha eurozona de mutua cooperación e traballo que permitirá a posta en práctica do principio de libre circulación de persoas”, indicou Varela.

As entidades do Eures

Coa sinatura deste convenio de colaboración, a Asociación Empresarial do Alto Támega adquire o compromiso de realizar unha actividade sobre a participación en feiras de emprendedores, unha xornada baixo o título En Galicia, Legalmente e en Seguranza: a subcontratación transfronteirizia de pequenas empresas, así como actividades consultivas das Consellerías Eures. En total, o orzamento destinado para os desenvolvemento destas actuacións ascende a case 5.000 euros.

Outra das entidades desta rede Eures é a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que asinou un convenio de colaboración coa finalidade de promover iniciativas para o desenvolvemento das actividades de información e asesoramento do Eures transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Neste senso, recibirá preto de 27.000 euros, destinados a financiar os custes da posta en marcha das actividades.

A Confederación de Empresarios de Ourense, representada polo seu presidente, Francisco Rodríguez García, contará con máis de 24.000 euros para levar a cabo unha Análise comparativa da estrutura salarial transfronteiriza en sectores estratéxicos. Organizará tamén o I Simposio de Creación de Emprego Transfronteirizo: potenciar a creación de emprego transfronteirizo, o IV Encontro Empresarial Ourense- Norte de Portugal: potencial de creación de empresas no ámbito transfronteirizo, así como un boletín informativo da área fronteiriza Galicia-Norte de Portugal.

Por outra banda, o Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal desenvolverá o Encontro Sindical Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal: balance do período 2004-2007 e retos, unha actividade baixo o título Círculos de Emprego Transfronteirizo e Formación de técnicos e cuadros sindicais. A Consellería de Traballo concede preto de 25.000 euros para a súa posta en marcha.

No ámbito das universidades tamén se levarán a cabo actividades de información; así, a Universidade do Minho ten programada a realización dun diagnóstico da situación en materia de mobilidade do traballo entre o Norte de Portugal e Galicia, con especial atención ao sector da construción civil. Tamén desenvolverá o Forum Emprego Universitario: Xornadas Universitarias de Emprego en Galicia e Norte de Portugal. Para a posta en marcha destas actividades recibirá máis de 16.000 euros. Por outra banda, a Universidade de Vigo instalará equipos de auto-servizo para o acceso á Rede Eures e Eures Transfronteiriza; organizará o III Seminario Eures Transfronteirizo Universidade Empresa; porá en marcha o Forum Emprego Universitario: Xornadas Universitarias de Emprego en Galicia e Norte de Portugal, e ademais encargarase de actividades consultivas das Consellerías Eures. Para este fin contará con máis de 30.000 euros.

A Asociación Empresarial de Viana do Castelo asinou este convenio de colaboración coa finalidade de desenvolver a xornada En Galicia, Legalmente e en Seguranza: a subcontratación transfronteirizia de pequenas empresas, así como un boletín informativo da área transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal. En total contará con máis de 4.000 euros.

A Confederación de Empresarios de Pontevedra beneficiarase de case 15.000 euros para a posta en marcha dun encontro intersectorial para o fomento da mobilidade; a xornada En Galicia, legalmente en Seguranza: a subcontración transfronteiriza de pequenas empresas, así como para a posta en marcha do Observatorio do Emprego na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e un boletín informativo da área transfronteiriza.

A Asociación Industrial do Minho recibirá como membro da Rede Eures case 4.500 euros, que dedicará á presentación das Conclusións do Observatorio da Pequena e Mediana Empresa Transfronteiriza e para un boletín informativo. Mentres, a Comunidade Intermunicipal do Vale do Minho organizará o III Forum Vale do Miño Transfronteirizo para o cal se lle asignaron case 6.000 euros.

Por último, a Unión Empresarial do Vale do Minho comprometeuse ao desenvolvemento dunha xornada baixo o lema En Galicia, Legalmente e en Seguranza: a subcontratación transfronteiriza de pequenas e medianas empresas, PME´s. Casos Transfronteirizos de éxito, e á edición dun boletín informativo da área transfronteiriza. Para levar a cabo estas actividades contará cun orzamento de case 4.800 euros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia