Skip to main content

Pérez Touriño salienta o esforzo do Goberno que preside por lograr un sistema educativo público de alta calidade

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou a aposta que está a realizar o Goberno que preside por lograr un sistema educativo público “de alta calidade”. “A educación é o ben máis prezado que pode ter unha sociedade”, sinalou Touriño, engadindo que desde a Xunta de Galicia “estamos a tratar de colocar todo o esforzo do país” en construír un sistema educativo público de calidade.

No acto de entrega dos primeiros Premios Extraordinarios de Excelencia Académica de Galicia, o presidente da Xunta remarcou que é difícil atopar “algo que nos iguale tanto, que nos converta en máis libres e máis protagonistas plenos do noso destino persoal e colectivo” como o propio feito educativo. “A educación é o instrumento máis prezado de igualdade e de liberdade, de dignidade persoal e colectiva”, insistiu o mandatario galego dirixíndose aos estudantes galardoados e lembrándolles que a educación constitúe o elemento que mellor garante a súa incorporación plena ao mercado de traballo.

De aí que fixera un chamamento a mimar, coidar e apoiar a educación “porque creo –dixo-, que aí nos xogamos o mellor futuro como sociedade”.

Incorporación das mulleres

Na súa intervención, o presidente galego tamén se referiu á incorporación ao sistema universitario galego das mulleres, feito que considerou altamente positivo. Pérez Touriño cualificou este feito como “outro gran proceso de igualdade deste país, probablemente –engadiu-, a transformación máis importante do último século”.

De feito, segundo destacou a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, na súa intervención, os alumnos galardoados hoxe amosan, ademais dunha boa representación das catro provincias galegas, tamén que o 70% das premiadas son mulleres. Por iso as animou a que, tras rematar as súas carreiras universitarias, se encamiñen “cara a especialización e a investigación” para romper a tendencia actual caracterizada por unha presenza moi elevada da muller nos primeiros cursos universitarios que logo comeza a descender no posgrao ata producirse o efecto tesoira.

Esforzo dos estudantes, os pais e os profesores

Na súa intervención, o titular da Xunta tamén quixo agradecer o esforzo de todas aquelas persoas que contribúen, de xeito decisivo, á formación dos nosos estudantes: os docentes e os propios pais dos alumnos.

Respecto aos primeiros, Pérez Touriño lembrou que, sen o esforzo e a orientación dos profesionais que traballan e elevan cada día os niveis do sistema educativo galego, “moi probablemente estes 60 rapaces non estarían hoxe aquí”. Dos segundos, os pais e os familiares dos estudantes, salientou o seu papel como “principais axentes educadores” e a súa responsabilidade educativa, que cualificou de “principal e decisiva”.

Por último, o titular da Xunta quixo felicitar aos sesenta estudantes recoñecidos hoxe cos Premios de Excelencia Académica. “Todos vós, cada un de vós –sinalou Touriño-, coa vosa historia persoal de esforzo e dedicación, sodes a viva expresión dos valores de excelencia, de tesón e ilusión que anhelamos para o conxunto da sociedade galega”, remarcou animando a todos eles a continuar a súa traxectoria como o fixeron ata o de agora.

4.000 becas universitarias por ano

Na súa aposta por lograr un sistema universitario público de calidade, o Goberno galego ten previsto duplicar, ao longo desta lexislatura, o número de bolsas destinadas aos estudantes universitarios ata acadar o obxectivo de lograr as 4.000 por ano. De feito, en 2007 xa se producirá un incremento significativo de bolsas universitarias, chegando ás 3.000. Esta iniciativa contará cun orzamento de preto de 4 millóns de euros, un 70 por cento máis que en 2005.

Xunto a isto, a Xunta está a favorecer a aprendizaxe e o coñecemento dos métodos e sistemas docentes doutros países europeos, de aí que destinase, no presente exercicio 2006, un total de 1,6 millóns de euros a esta iniciativa, cifra que en 2007 se incrementará en máis dun 20 por cento. Así mesmo, o Goberno galego incrementará, no vindeiro ano 2007, un 11 por cento o orzamento aplicado á universidade, co que acada unha cifra global de 375 millóns de euros.

Novo logotipo do SUG

Na súa intervención, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria referiuse a que os galardóns entregados hoxe entroncan coa política do Goberno galego de “recoñecer o esforzo e atraer desde calquera punto de España ata as universidades da Comunidade a estudantes”.

Xunto a isto, a titular do departamento autonómico tivo tamén a ocasión de presentar o novo logotipo do Sistema Universitario de Galicia, “co que pretendemos dar unha imaxe máis actual e moderna, de acordo cos novos tempos e cun proxecto de Goberno que concibe a Universidade como peza fundamental da formación dos galegos”, aseverou Sánchez Piñón.

Premios de Excelencia Académica 2006

Trátase da primeira vez que se entregan os Premios de Excelencia Académica, posto que foron creados polo Goberno galego neste curso académico 2006-2007 para o alumnado que inicia os estudos no Sistema Universitario de Galicia. O obxectivo desta novidosa convocatoria é favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia do rendemento académico dos alumnos con traxectoria académica notable no ensino non universitario, e por outra banda, que este alumnado que inicia a súa traxectoria nas universidades galegas desenvolva o seu máximo potencial intelectual, adquirindo novos coñecementos que o capaciten para incorporarse ao mundo laboral nas mellores condicións posibles ou para realizar tarefas de investigación que redunden no progreso de Galicia.

Nesta primeira edición acadaron o Premio de Excelencia Académica un total de 60 alumnos, 42 mulleres e 18 homes. Destes 60 alumnos 58 pertencen á Comunidade autónoma galega e os outros dous proceden da Comunidade de Asturias e da Comunidade Valenciana. Cada un dos galardoados recibirá unha dotación económica de 3.000 euros, un diploma acreditativo da condición de premiado e un agasallo co que se quere simbolizar o camiño que emprenden nesta nova etapa da súa vida.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia