Skip to main content

Rubén Lois destaca en París o carácter estratéxico de Galicia para o turismo náutico europeo

O director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois González, destacou o carácter de Galiza como “punto estratéxico” para o turismo náutico europeo, na presentación hoxe en París da regata de vela “Le Solitaire Afflelou Le Figaro”, proba para navegantes en solitario que fará escala o vindeiro ano en A Coruña. Lois González lembrou a privilexiada situación xeográfica do noso país nas rutas transoceánicas entre América e Europa, así como para o tráfico de embarcacións de lecer entre o norte e o sur do Vello Continente.

O director xeral de Turismo destacou ademais a grande tradición mariñeira de Galiza, que definiu como terra “aberta ao Atlántico, e que aspira a se converter no máis grande centro náutico do norte da Península”; como fortalezas neste ámbito citou as súas excepcionais condicións xeográficas, as axeitadas infraestruturas portuarias que ofrece e o alto nivel dos seus navegantes e da industria naval, especialmente a orientada á construcción de embarcacións de lecer. Puxo de manifesto que Galiza pode presumir dunha fachada marítima de máis de 1.300 quilómetros de costa, na que salientan as rías como espazos ideais para desenvolver o turismo náutico.

Balcón do Atlántico

Rubén Lois pechou a súa intervención diante dos convidados ao acto de presentación da regata, con referencias á Coruña como escala desta proba dentro do territorio galego. Lembrou o seu slogan turístico, que a define como “Balcón do Atlántico”, e salientou a importancia do seu porto, para rematar afirmando que a cidade herculina “é coñecida polo seu carácter hospitalario, cosmopolita e moderno, así como por ser unha das referencias turísticas de Galiza, que dispón, ademais, de magníficas infraestruturas para a práctica dos deportes náuticos”.

A regata “La Solitaire Afflelou Le Figaro”, unha das probas máis importantes do calendario internacional de vela, fará escala en Galiza –máis concretamente en A Coruña– no verán do vindeiro ano, grazas ao apoio prestado pola Consellaría de Innovación e Industria. Trátase dunha regata por etapas de navegantes en solitario e con embarcacións monotipo, que se desenvolve no Atlántico, entre Francia, a Península Ibérica e as Illas Británicas.

A proba empezou a celebrarse en 1970 e actualmente está organizada polo prestixioso diario galo Le Figaro. Consta de catro etapas con saída e chegada final en Francia e con tres escalas, dúas delas fora do país galo (neste caso A Coruña vai ser unha delas). O gañador é o barco que faga o percorrido en menos tempo.

A regata “La Solitaire Afflelou Le Figaro” acadará en 2007 a súa edición número 38. O pasado ano, a escala na península foi en Santander. Dende 1970 participaron nesta proba preto de cincocentos skippers e a regata fixo escala en 46 cidades europeas. Na organización da proba traballan en torno a 80 persoas repartidas en 15 servizos (dirección de organización, dirección de regata, prensa, loxística, etc.), e tres barcos da organización escoltan á frota, polo que o paso por A Coruña representará tamén un acicate para a oferta aloxativa e turística da urbe, ademais de ter un importante impacto mediático, tanto na prensa especializada como na de información xeral, en especial en Francia polo eco de Le Figaro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia