Skip to main content

Igualdade asesorará ás Pemes galegas para a posta en marcha do Plan de Corresponsabilidade

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, compareceu na Comisión 5ª do Parlamento galego para explicar o Plano de Fomento da Corresponsabilidade que o seu departamento porá en marcha a comezos de ano 2007 e que se estenderá ata o 2009.

As novas medidas que se contemplan neste plan, teñen un investimento para o ano 2007 de 1.960.000 euros e inclúen, entre outras accións, a posta en marcha dunha rede de canguros, axudas económicas para os pais traballadores por conta allea para reducir a súa xornada laboral polo nacemento dun fillo, ou actuacións de asesoramento e titorización para a posta en marcha de planos de corresponsabilidade en pequenas e medianas empresas. Este plan compleméntase con outras grandes iniciativas que favorecen a corresponsabilidade, como son a posta en marcha da rede galega de escolas infantís (Galescola), ou os recursos e programas para a atención á dependencia, que pretenden aliviar o papel de coidadoras que teñen asumido tradicionalmente as mulleres galegas. Incluíndo estas actuacións, o orzamento global destinado a accións que fomentan a corresponsabilidade contempladas neste plan supera os 33 millóns de euros.

Obxectivos do Plano

O Plano de Fomento da Corresponsabilidade pretende proporcionar a resposta necesaria ás demandas da cidadanía no eido da corresponsabilidade en catro escenarios básicos: persoas, fogar, empresa e sociedade. Busca tamén deseñar e desenvolver unha política de igualdade que impulse medidas efectivas en cinco de áreas básicas de actuación

Áreas de actuación

O Plano céntrase en cinco areas de actuación, o cambio de roles e estereotipos sociais, a conciliación de tempos persoais e sociais, a extensión dos servizos sociocomunitarios, o establecemento de recursos complementarios de conciliación e a conciliación como depósito de emprego.

Cambio de roles e estereotipos sociais

Un dos obxectivos da secretaría xeral da Igualdade é traballar na sensibilización social e no cambio de mentalidade. Co aposta en marcha deste plan, fomentarase a corresponsabilidade entre as persoas que conviven no fogar. Para isto, o Plano contempla a realización de campañas de sensibilización social, así como a elaboración de materiais de apoio e sensibilización dende o ensino e a realización de estudos de usos de tempo por parte da mocidade e nos fogares.

Conciliación dos tempos persoais e sociais

O obxectivo é impulsar medidas que favorezan os permisos familiares, a flexibilidade de horarios por parte dos profesionais da Administración Pública e a reorganización de tempos laborais para concilialos cos tempos e espazos persoais. Neste senso, a secretaría xeral de Igualdade establecerá unha liña de axudas para a redución da xornada dos pais por nacemento de fillo/a. As contías destas axudas van dende os 2.400 aos 3.600 euros anuais, que poderán percibir por un tempo máximo de 12 meses. Vai destinada aos homes traballadores por conta allea, cando a súa parella traballe tamén por conta allea ou sexa autónoma, e ás familias monoparentais, que decidan reducir a súa xornada laboral nun mínimo dun tercio e nun máximo da metade, por un tempo mínimo de 2 meses, ao fin de coidar dun fillo menor de 3 anos e sempre que non coincida co período de descanso por maternidade da nai. O orzamento previsto para esta medida é de 400.000 euros para o exercicio do 2007 e porase en marcha no primeiro trimestre do 2007.

Ademais impulsaranse medidas que favorezan a flexibilidade de horarios na Administración pública e levaranse a cabo actuacións de sensibilización do tecido empresarial e sindical así como de asesoramento e titorización ás empresas con iniciativas de corresponsabilidade. En relación ao asesoramento ás empresas, Igualdade porá en marcha un servizo de diagnóstico e asesoramento para a elaboración de plans de corresponsabilidade para as empresas galegas. Estes plan poranse en marcha en 50 pequenas e medianas empresas de Galiza, preferentemente de entre 50 e 250 traballadores/as. Igualdade non só elaborará estes plans, senón que tamén fará un seguimento e avaliación da súa implantación. Trátase, en definitiva de executar unha titorización das empresas, en tres fases: diagnóstico da situación de partida, identificación das iniciativas a pór en marcha e implantación e seguimento desas iniciativas.O orzamento previsto para a posta en marcha destas medidas ascende a 740.000 euros. Segundo recolle o plan, no primeiro trimestre do 2007 poranse en marcha actuacións de sensibilización no eido empresarial e no segundo semestre, desenvolveranse as de titorización.

Extensión dos servizos sociocomunitarios

Neste ámbito o Plano de Fomento da Corresponsabilidade contempla a mellora dos servizos para a infancia, a mellora e a ampliación dos servizos de atención ás persoas dependentes e o fomento dos servizos de apoio comunitario.Así, Igualdade traballa na extensión e mellora da Rede Galega de Escolas Infantís e de ludotecas, no impulso dos servizos existentes e na creación doutros novos para atención a persoas con dependencias, no fomento do voluntariado, apoio aos bancos de tempo e na implantación da rede de Canguros.

Na posta en marcha da rede de canguros, Igualdade investirá 400.000 euros. Esta rede atenderá a nenos e nenas de 0 a 12 anos, no domicilio familiar, cando nais e pais traballadores precisen do servizo por unha necesidade imprevista e sempre que estean inscritos como demandantes no rexistro que se creará. Persoal cualificado atenderá aos nenos, 24 horas ao día durante os 365 días do ano.O deseño e desenvolvemento desta rede de canguros farase durante o primeiro trimestre do ano.

Recursos complementarios de conciliación

O plano de Corresponsabilidade establece liñas de apoio e de axuda en gastos de servizos de atención á infancia e de asistencia domiciliaria a persoas dependentes, así como recursos para evitar que a maternidade sexa unha barreira ao emprendemento. O obxectivo é impulsar a formación e a realización profesional das mulleres a través do emprendemento, o que se traduce nunha aposta polo encontro das responsabilidades familiares coas laborais.

A conciliación como depósito de emprego

Neste ámbito preténdese fomentar a creación de recursos para a conciliación, mediante o apoio á profesionalización a través da formación e establecendo liñas de axudas para a creación de empresas e ao autoemprego relacionado con traballos de atención á infancia ou a persoas dependentes.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia