Skip to main content

Ánxela Bugallo presentou o partido da Selección Galega de Fútbol contra Ecuador que se xoga o 28 de decembro en Riazor

A conselleira de Cultura e Deporte presentou na Coruña o partido que a selección Galega de Fútbol disputa contra Ecuador o 28 de decembro en Riazor (21.00h).

Ánxela Bugallo manifestou o seu orgullo polo feito de que "o segundo partido da selección galega se dispute en Riazor. É a mellor fórmula para colaborar co Centenario do Dépor, xa que así rendimos homenaxe a un club que logrou os mellores éxitos deportivos".

No acto de presentación celebraron, ademais, os representantes das tres entidades patrocinadoras: Luis Vela Alarcó, director territorial de Caixanova; Antonio Viejo, director de márketing de Estrella Galicia, e Antonio Cortés, director de Comunicación de Gadisa. Tamén estiveron o vogal da xunta xestora da Federación Galega de Fútbol, o concelleiro de Deportes, Esteban Lareo, e o vicepresidente do Deportivo, quen fixo un chamamento á afección para encher Riazor o vindeiro día 28.

Santiago Domínguez, tamén presente, manifestou o seu agradecemento aos patrocinadores (Caixanova, Estrella Galicia e Gadis), que "están a facer un esforzo enorme non só a nivel de patrocinio, senón que tamén Caixanova venderá entradas, Gadisa fará unha promoción entre os seus clientes, e Estrella Galicia tamén colaborará coas categorías base das seleccións galegas".

Descontos a grupos e promocións a nenos e nenas

Para favorecer a presenza do maior número posíbel de espectadores, establécense descontos para os grupos, dependendo do número de membros que os integren. Así, os grupos de entre 50 e 300 persoas, recibirán gratis un 10% das entradas solicitadas, e os de máis de 300 membros, terán un desconto do 20%.

A Federación Galega de Fútbol está a realizar un mailing entre todos os clubs de fútbol galegos, nos que se lles envía material promocional do encontro, e se lles explican as promocións a grupos. Ademais, todos os clubs que reserven entradas, recibirán a maiores 10 entradas para nenos e nenas de ata 16 anos.

Entradas xerais

O público xeral poderá comprar as súas entradas a partir de día 18 de decembro, ben a través de Caixanova, ou ben nas oficinas das taquillas de Riazor.

Por outra parte, o director xeral para o Deporte explicou que xa se iniciaron os contactos co consulado de Ecuador en Galiza e algunha asociación ecuatoriana para favorecer a presenza dunha nutrida representación desta comunidade en Riazor.

Ademais, Ánxela Bugallo manifestou que se está a traballar na posta en marcha de actividades complementarias para darlle maior vistosidade ao encontro.

Toda a información deste encontro, en www.deportegalego.eu
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia