Skip to main content

Igualdade presentou o Plano de Corresponsabilidade aos concellos que forman parte do Proxecto Arco destinado ao reforzamento da conciliación

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, e a directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza, deron a coñecer en Santiago, o contido do Plano de Fomento da Corresponsabilidade aos concellos que forman parte do proxecto Arco, iniciativa destinada a favorecer medidas que promovan a conciliación.Este Plano entrará en funcionamento a comezos de ano 2007 e estenderase ata o 2009.

Segundo informou Carme Adán aos representantes dos concellos, as novas medidas que se contemplan neste plan, teñen un investimento para o ano 2007 de 1.960.000 euros e inclúen, entre outras accións, a posta en marcha dunha rede de canguros. Nesta iniciativa, Igualdade investirá 400.000 euros. A rede de canguros atenderá a nenos e nenas de 0 a 12 anos, no domicilio familiar, cando nais e pais traballadores precisen do servizo por unha necesidade imprevista e sempre que estean inscritos como demandantes no rexistro que se creará. Persoal cualificado atenderá aos nenos, 24 horas ao día durante os 365 días do ano. O deseño e desenvolvemento desta rede de canguros farase durante o primeiro trimestre do ano.

O Plano contempla tamén axudas económicas para os pais traballadores por conta allea que queiran reducir a súa xornada laboral para coidar dun fillo/a. As contías destas axudas van dende os 2.400 aos 3.600 euros anuais, que poderán percibir por un tempo máximo de 12 meses. Vai destinada aos homes traballadores por conta allea, cando a súa parella traballe tamén por conta allea ou sexa autónoma, e ás familias monoparentais, que decidan reducir a súa xornada laboral nun mínimo dun tercio e nun máximo da metade, por un tempo mínimo de 2 meses, ao fin de coidar dun fillo menor de 3 anos e sempre que non coincida co período de descanso por maternidade da nai. O orzamento previsto para esta medida é de 400.000 euros para o exercicio do 2007 e porase en marcha no primeiro trimestre do 2007.

A directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza, referiuse a outra das actuacións incluídas no Plano de Fomento da Corresponsabilidade que é o asesoramento e titorización para a posta en marcha de planos de corresponsabilidade en pequenas e medianas empresas. Estes plans poranse en marcha en 50 pequenas e medianas empresas de Galiza, preferentemente de entre 50 e 250 traballadores/as. Igualdade non só elaborará os plans, senón que tamén fará un seguimento e avaliación da súa implantación. Trátase, en definitiva de executar unha titorización das empresas, en tres fases: diagnóstico da situación de partida, identificación das iniciativas a pór en marcha e implantación e seguimento desas iniciativas.O orzamento previsto para a posta en marcha destas medidas ascende a 740.000 euros. Segundo recolle o plan, no primeiro trimestre do 2007 poranse en marcha actuacións de sensibilización no eido empresarial e no segundo semestre, desenvolveranse as de titorización.

O Plan de Fomento da Corresponsabilidade compleméntase con outras grandes iniciativas que favorecen a corresponsabilidade, como son a posta en marcha da rede galega de escolas infantís (Galescola), ou os recursos e programas para a atención á dependencia, que pretenden aliviar o papel de coidadoras que teñen asumido tradicionalmente as mulleres galegas. Incluíndo estas actuacións, o orzamento global destinado a accións que fomentan a corresponsabilidade contempladas neste plan supera os 33 millóns de euros.

Obxectivos e áreas de actuación do Plano

O Plano de Fomento da Corresponsabilidade pretende proporcionar a resposta necesaria ás demandas da cidadanía no eido da corresponsabilidade en catro escenarios básicos: persoas, fogar, empresa e sociedade. Busca tamén deseñar e desenvolver unha política de igualdade que impulse medidas efectivas en cinco de áreas básicas de actuación, como son o cambio de roles e estereotipos sociais, a conciliación de tempos persoais e sociais, a extensión dos servizos sociocomunitarios, o establecemento de recursos complementarios de conciliación e a conciliación como depósito de emprego.

Portal de educación familiar

A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, anunciou na Coruña a posta en marcha, no segundo semestre do vindeiro ano, dun portal de educación familiar, dirixido aos profesionais que traballan neste eido. Esta ferramenta permitirá aos máis de 200 educadores que hai en Galiza traballar en protocolos homoxéneos de actuación así como dispor dun espazo no que intercambiar experiencias e coñecementos.

Carme Adán anunciou esta medida no transcurso das xornadas de formación para educadores familiares que se desenvolveron na Coruña, dirixidas aos profesionais desta provincia. De aquí a finais de ano, levaranse a cabo outras tres xornadas formativas, cos traballadores das outras tres provincias.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia