Skip to main content

O Karpin Galicia presenta o maillot co que competirá desde o 11 de febreiro de 2007

No acto estiveron o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez; o presidente da Fundación, Valery Karpin; o director técnico doe quipo, Álvaro Pino, e algúns dos patrocinadores (Ignacio Louzao, por Galicia Calidade e Carlos Domínguez por Cardomar); ademais dos ciclistas Marcos Serrano, Ezequiel Mosquera, David Guerrero, Carlos Castaño, Juan Fco. Mourón, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal e Santos González.

Santiago Domínguez destacou que “este equipo vai ser o emblema estandarte de Galiza, e agora confírmase que é un proxecto serio, por se alguén tiña algunha dúbida”. Domínguez adiantou que a Dirección Xeral para o Deporte vai sortear 20 invitacións para rapaces e rapazas de clubs de ciclismo de base para acompañar ao equipo galego a ese primeiro compromiso oficial en Mallorca “porque consideramos que o equipo debe estar arroupado por ese sector dos galegos e galegas que representa un dos seus obxectivos: tirar da base do ciclismo galego”.

Pola súa banda, Valery Karpin dixo que “pouco a pouco imos pechando todo. Xa temos o equipo, no que hai 12 galegos, co cal o obxectivo está cumprido con creces, e temos o maillot. O día 20 de xaneiro faremos a presentación oficial do Karpin Galicia, co corpo técnico, médico, os coches, o autobús e o camión”. Karpin dixo tamén que xa está presentada toda a documentación na UCI co visto e prace dos auditores, e no 2007 o equipo botará a andar.

As seguintes citas confirmadas son a Vuelta a Andalucía, do 18 ao 22 de febreiro, e a Vuelta á Comunidad Valenciana, do 27 de febreiro ao 3 de marzo.

Concentración do Karpin Galicia

O Karpin Galicia celebra a súa primeira concentración de preparación entre os días 9 e 20 de xaneiro. Aínda queda por decidir a localidade na que o fará, aínda que o que si está seguro é que será nunha cidade ou vila da Costa da Morte. A elección atende a un dobre motivo: un asunto deportivo, xa que ten zonas para rodar en chan e tamén de montaña; e un motivo social (polo que esta zona sufriu este verán debido aos incendios, e agora ás riadas).

En relación a isto, Santiago Domínguez dixo que “o Karpin Galicia ten que ser un equipo solidario con Galiza. Un dos nosos patrocinadores é a Deputación de Coruña, polo que o equipo debe amosarse nunha zona emblemática e que agora está pasando un mal momento”.

Ademais o domingo 14 de xaneiro celebrarase unha marcha cicloturista co equipo profesional galego, con participación aberta a todos os cidadáns interesados en participar, e que ten como obxectivo fundamental achegar o mundo do ciclismo profesional á cidadanía.

A camiseta

Sobre o deseño da camiseta, tanto o director xeral para o Deporte coma Valery Karpin e o propio Álvaro, amosaron a súa satisfacción co deseño da camiseta, que foi realizada pola empresa Zicco, aínda que faltan por corrixir algunhas cousas. Álvaro Pino deixou ben claro que “o importante é ensinar o maillot na competición, non aquí. Espero que os 18 corredores dean a talla en cada unha das carreiras que afrontemos”.

Volta Ciclista a España

O mércores día 13, a conselleira Ánxela Bugallo, Santiago Domínguez e os representantes do Karpin Galicia, Valery Karpin e Álvaro Pino, acuden á presentción da Vuelta Ciclista a España 2007, que ten lugar en Madrid.

Santiago Domínguez destacou na rolda de prensa de hoxe que “a nutrida representación galega é unha guinda máis que vai referendar o protagonismo que Galiza vai ter nesta Vuelta, coas etapas Vigo-Vigo, Allariz-Santiago e Viveiro-Luarca.”

Con respecto á posibilidade de que o Karpin Galicia sexa convidado á Vuelta a España, o director xeral para o Deporte asegurou de que “non teño ningunha dúbida de que vai estar aí. Faremos presión con todas as nosas armas para que así sexa”.

Corredores do Karpin Galicia:

O Karpin Galicia xa pechou o seu equipo cun total de 18 corredores dos cales 12 son galegos. O equipo estará dirixido por Álvaro Pino, xunto a Suso Blanco Villar.

1. Marcos Antonio Serrano Rodríguez
2. Ezequiel Mosquera Míguez
3. David García Dapena
4. David Herrero Llorente
5. Carlos Castaño Panadero
6. Ramón Troncoso Sobrino
7. Gustavo Domínguez Lemos
8. Gustavo César Veloso
9. Juan Francisco Mourón Doldán
10. Serafín Martínez Acevedo
11. Gonzalo Rabuñal Ríos
12. David Abal Diego
13. Luis Fernández Oliveira
14. Gaizka Lasa Larraya
15. Santos González Capilla
16. Eladio Jiménez Sánchez
17. Enrique Salgueiro Alonso
18. Eduard Vorganov



Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia